Consellería de Economía e Industria
O sector aeroespacial galego xa xera máis de 1.700 empregos directos e supera os 165 millóns de euros de facturación, cun ecosistema formado por 40 empresas

- A directora do Igape, Covadonga Toca, puxo en valor na Asemblea do Consorcio Aeroespacial Galego (CAG) o crecemento desta industria estratéxica e reafirmou o compromiso da Xunta con este novo eixo da economía galega
- Destacou que a Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa (IESDA) 2025-2030, impulsada polo Goberno galego, prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros en investimento nos vindeiros anos
- Toca Carús remarcou que o principal reto pasa agora por “converter a innovación en industria”, transformando o coñecemento xerado en produtos, procesos e solucións con impacto real no mercado
A clausura da Asemblea Xeral Ordinaria do Consorcio Aeroespacial Galego (CAG), celebrada en Vigo, retratou a puxanza actual e as potencialidades que presenta en Galicia este sector emerxente. No acto participou a directora do Igape, Covadoga Toca, quen puxo en valor o crecemento experimentado polo sector aeroespacial galego nos últimos anos e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co seu impulso como un dos eixos estratéxicos da economía galega.
Durante a súa intervención, Toca Carús destacou a evolución “extraordinaria” da industria aeroespacial en Galicia, que pasou de contar cunha presenza moi limitada hai apenas quince anos a integrar hoxe máis de 40 empresas activas, con participación en proxectos internacionais de enxeñaría, fabricación avanzada e desenvolvemento tecnolóxico. Este ecosistema xera xa máis de 1.700 empregos directos e supera os 165 millóns de euros de facturación, con previsións de crecemento a curto prazo.
No actual contexto xeopolítico e tecnolóxico, a directora do Igape subliñou na Asemblea Xeral do Consorcio que os sectores aeroespacial, de seguridade e de defensa están chamados a desempeñar un papel central nas políticas europeas e nacionais, nun escenario que cualificou de “cambio estrutural”. Neste marco, lembrou a posta en marcha da Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa (IESDA) 2025-2030, impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de converter estes ámbitos nunha panca clave de crecemento económico. A estratexia prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros en investimento nos vindeiros anos e céntrase en impulsar o crecemento empresarial, atraer investimentos e reforzar as capacidades tecnolóxicas e produtivas do territorio. Covadonga Toca avanzou que esta iniciativa xa está en execución, con actuacións como o desenvolvemento de proxectos estratéxicos, o apoio a certificacións en defensa, ou programas de formación especializada.
REFERENTE INDUSTRIAL E EN XERACIÓN DE COÑECEMENTO
A directora do Igape tamén destacou o papel que está a desempeñar o Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia, impulsado en colaboración co CAG, como ferramenta clave para analizar a evolución do sector, identificar oportunidades e facilitar información estratéxica ás empresas para a toma de decisións. Segundo indicou, este instrumento permitirá consolidar a Galicia non só como referente industrial, senón tamén como xerador de coñecemento e visión estratéxica no ámbito aeroespacial.
Finalmente, destacou que o principal reto pasa agora por “converter a innovación en industria”, transformando o coñecemento xerado en produtos, procesos e solucións con impacto real no mercado. Para iso, lembrou que o Igape traballa cunha visión integral que inclúe o acceso a financiamento, o apoio á industrialización, o impulso á internacionalización e o acompañamento das pemes nos seus procesos de transformación e escalado.

























