Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta potencia a formación e o talento na transformación e pulo competitivo do tecido produtivo galego

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, sostén que “Galicia ten a oportunidade de liderar a adopción de novas tecnoloxías e de crear un futuro sostible e próspero” e sitúa o camiño cara ao éxito empresarial “na colaboración entre os sectores público e privado”

  • Salienta o papel da Oficina Económica de Galicia como nova forma de actuar co tecido empresarial, facilitando a xestión de proxectos empresariais mediante a centralización de recursos e a simplificación de trámites

  • Na inauguración da xornada `Benvido Futuro: Proxectando Galicia´, Covadonga Toca lembrou que o programa Capacita Directivos suma xa dez edicións con máis de 19.000 directivos galegos beneficiados

  • A iniciativa ten como obxectivos a mellora de coñecementos técnicos e o impulso das habilidades de liderado, xestión do cambio e comunicación

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou o evento `Benvido Futuro: Proxectando Galicia´, un encontro para abordar os desafíos e oportunidades do futuro empresarial galego, que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos e no que salientou a importancia da formación e o talento na transformación e a mellora competitiva do tecido produtivo de Galicia.

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que este programa suma xa dez edicións con máis de 19.000 directivos galegos beneficiados. Unha iniciativa que, como explicou, busca non só mellorar coñecementos técnicos, senón tamén potenciar outro tipo de habilidades como o liderado, a xestión do cambio ou a comunicación.

A xornada enmárcase no ciclo Competitividade e Crecemento Empresarial de Galicia, un escenario no que Toca Carús puxo en valor a importancia da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización como eixes transformadores da economía galega.

“Galicia ten a oportunidade de liderar a adopción de novas tecnoloxías e de crear un futuro sostible e próspero. O camiño cara ao éxito empresarial pasa pola colaboración entre os sectores público e privado, unha cooperación que impulsa a modernización e fortalece o noso potencial de crecemento”, subliñou a directora.

Para que esta cooperación sexa exitosa, proseguiu Covadonga Toca, “resulta fundamental apostar por un modelo máis sostible, que promova a transición dixital e que favoreza a innovación no noso tecido empresarial”.

OFICINA ECONÓMICA DE GALICIA

Así mesmo destacou o papel da Oficina Económica de Galicia como nova forma de actuar co tecido empresarial, facilitando a xestión de proxectos empresariais mediante a centralización de recursos e a simplificación de trámites. Esta oficina, expuxo, foi creada para ser o único interlocutor do tecido empresarial galego contribuíndo a un entorno máis favorable para o desenvolvemento de novas iniciativas.

A continuación, participou nun encontro de traballo organizado por Rede Activa, asociación para o desenvolvemento profesional e social, co obxectivo de dar a coñecer as principais liñas de actuación do Igape, poñendo en valor unha vez máis a Oficina Económica como porta de entrada para facilitar ás empresas e ás persoas autónomas ou emprendedoras a implantación, posta en marcha e desenvolvemento das súas iniciativas empresariais en Galicia.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia