Últimas Noticias

Europa

MARTÍN PÉREZ RODRÍGUEZ-PAÍSES BAIXOS

Enxeñeiro informático, especializado en ciberseguridade

“Vivimos un centralismo económico que concentra toda a inversión tecnolóxica en núcleos concretos do territorio, vaciando as provincias de persoal formado”


O enxeñeiro ourensán Martín Pérez orientou a súa carreira profesional cara a ciberseguridade e, desde 2017, reside en Eindhoven, un dos grandes núcleos europeos da tecnoloxía e do deseño. Graduouse en Enxeñería Informática na Universidade Politécnica de Madrid, tras realizar os primerios cursos na Uvigo, e fixo o Traballo de Fin de Grao na facultade de Ciencias da Computación e Enxeñería da Eindhoven University of Technology. Debido ás grandes posibilidades laborais que ofrece a urbe de orixe da histórica Philips, xa non precisou mudar de cidade para aplicar no sector empresarial a súa formación. Nos últimos cinco anos acumulou experiencias noutras tantas firmas do ámbito da consultoría informática, como consultor en desevolvemento, seguridade e operacións (DevSecOps) ou como analista de calidade de software. Na actualidade exerce a súa especialidade na multinacional Xebia, na que é consultor de seguridade en Cloud. A cotío traballa para coñecidas compañías de sectores como as finanzas e a automoción, así como para institucións educativas e sanitarias. Martín Pérez detecta que “en Galicia existen posibilidades laborais na informática”, mais a súa percepción é que “a inmensa maioría están centradas puramente no desenvolvemento de software”, polo que escasean os roles máis especializados. O seu plan persoal é retornar “eventualmente” e exercer como consultor “de forma autónoma con base en Galicia”. Con esa visión, considera que o primeiro paso para “ver florecer o emprendemento en Galicia é comezar a promocionar o traballo remoto dende alí. Moitos lugares do mundo con crises demográficas xa estableceron iniciativas para recuperar talento e reactivar as economías locais”, afirma. Polo contrario, a inercia actual fai que España estea a vivir “un centralismo económico que concentra toda a inversión tecnolóxica en núcleos concretos do territorio, vaciando as provincias de persoal formado para levalos a lugares xentrificados, elevando o custo da vida dos locais, e traballando polo desenvolvemento de zonas moi concretas mentras o resto do país cae nunha recesión”, describe o enxeñeiro ourensán. Mentres, interpreta que na fuga de talento xove a vítima non son as xeracións actuais, senón que a verdadeira vítima “é unha sociedade disposta a realizar o esforzo de formar profesionais que logo marchan sen ter a oportunidade de facer rentable a inversión adicada á súa educación”.

Texto: Javier de Francisco ©

Canto tempo levas fóra de Galicia?

Levo dende setembro de 2015 fora de Galicia. Primeiro por estudos en Madrid, e en 2017 mudei a Países Baixos para rematar o grao e comezar a vida laboral.

Que grao elixiches e en que universidade? ¿Seguiches formándote despois de graduarte?

Comecei o grao en Enxeñería Informática na Universidade de Vigo, que rematei na Universidad Politécnica de Madrid facendo un TFG en Países Baixos (TU/e, Eindhoven University of Technology). Pola natureza da miña profesión, é importante non parar de formarse nunca: non só axuda a estar activo no mercado, senón que é indispensable para conducir a túa carreira conforme as propias preferencias laborais van evolucionando.

Eindhoven University of Technology

Os alumnos xa tedes claro desde o primeiro curso que o voso futuro laboral seguramente estará lonxe de Galicia?

Por desgraza, é bastante común ter a idea de emigrar cando se inicia unha carreira técnica. Lembro que na presentación dos primeiros días se nos presentaban casos de éxito moi interesantes para un rapaz de dezaoito anos que soña con facer o que lle gusta. Entre esas empresas estaban varias multinacionais, coma Google, e líderes do mercado que non tiñan unha representación directa en Galicia. Tamén é certo que moitas persoas teñen claro que non queren marchar, e aínda cunha oferta limitada nun contexto laboral difícil, pódese vivir da informática en Galicia a día de hoxe (mellor ou peor). No meu caso, tiña claro que quería marchar unha tempada, polo menos durante o período formativo e tal vez os primeiros anos de vida laboral.

En que consiste o teu traballo actual como enxeñeiro de software en Eindhoven? Para que compañía traballas?

Durante a última etapa da facultade, enfoqueime no ámbito da ciberseguridade, e durante os seguintes anos, os meus traballos se relacionan dalgún xeito con ese campo. Actualmente traballo para Xebia (www.xebia.com), onde realizo actividades de consultoría orientadas a arquitectura de solucións seguras en Cloud. Traballamos en proxectos de duración limitada para clientes de diversos sectores: finanzas, automoción, institucións educativas, sanidade... É unha experiencia moi interesante para observar dende o interior as formas de traballo en clientes moi diferentes: dende unha prometedora startup asentando bases, ata a implementación de novos procesos nunha das institucións financieiras máis importantes do país. Ademais, preparamos contido técnico coma publicacións, conferencias, código aberto... que axudan a conectar con outros profesionais e a manter unha presenza activa.

Que influíu ou que foi determinante para que aceptaras esta oferta de traballo en Países Baixos? En Galicia tiñas posibilidades laborais ou trátase dun mercado moi limitado no teu sector profesional?

En Galicia existen posibilidades laborais na Informática, pero a miña percepción é que a inmensa maioría están centradas puramente no desenvolvemento de software. Demándase moito backend, front-end ou full-stack, pero escasean os roles máis especializados. Non poño en dúbida que existan, pero considero moito máis complicado atopar un rol coma o de DevSecOps ou especialista de Cloud en Galicia que en Países Baixos. Respecto a isto, a miña motivación principal sempre foi facer o que máis me apetecía, e facelo nun lugar e condicións que me permitisen disfrutalo e avanzar. E falando de condicións, é importante entender que a fidelización do empregado resulta imprescindible nun sector laboral con moita oferta e, polo tanto, moita rotación. En Galicia estase a medrar moito con respecto a este tema, pero é importante cambiar a cultura coa que se ve o traballo de reclutamento. A precariedade laboral dos últimos anos fixo do traballo un privilexio, algo que o traballador debía percibir como algunha especie de favor. Nese contexto, a empresa non precisa de maiores incentivos que un salario “máis ou menos razoable para o lugar onde vives” e unha mesa de ping-pong na oficina. Esto é un erro se queremos que os emigrados volten. Non estamos a competir contra nós mesmos, senón con lugares onde se ofertan sustanciais melloras de salarios (a pesares dos elevados custos de vida), unha mellora das condicións laborais, oportunidades de desenvolvemento profesional ambiciosas, e un enfoque en atraer ao talento estranxeiro en beneficio da súa industria e economía.

Eindhoven

Adoita transmitirse o mito de que os titulados en Informática nas universidades galegas tedes traballo asegurado e que as compañías xa vos fan ofertas mesmo antes de finalizar o grao. É un mito real?

Non é un mito, eu diría que é bastante frecuente. Unha persoa de perfil junior e un adecuado período de aprendizaxe é capaz de sacar máis traballo do que ela mesma pensa. Os perfís junior son moi necesarios na industria: liberan a xente experimentada de realizar actividades máis sinxelas ou rutinarias, para poder orientalas a desafíos máis especializados para os que se requiren coñecementos avanzados. Asegurar en plantilla a un rapaz ou rapaza nos últimos anos de grao, con gañas de traballar, adoita ser unha decisión moi eficiente se pode medrar baixo a supervisión das persoas adecuadas.

O regreso a Galicia para continuar aquí o teu desenvolvemento profesional entra dentro dos teus plans? Das provincias galegas, Ourense é a que demanda menos enxeñeiros informáticos?

O meu plan é voltar a Galicia eventualmente. Disfruto moito do traballo de consultoría, e gustaríame traballar de forma autónoma con base en Galicia, nuns anos e “cos deberes feitos”. Descoñezo os números totais sobre a demanda do sector nas provincias, pero sorprenderíame que Ourense fose a máis baixa.

El Evoluon

En desenvolvemento de software, Galicia conta con algunha que outra startup, pero non con compañías de gran dimensión. Que crees que pode estar a fallar para que o bo nivel de formación universitaria en Informática non se reflicta demasiado en creación de empresas?

En canto a empresas de gran dimensión, o grupo Inditex emprega de forma directa e indirecta a moitos compañeiros informáticos. O mundo da startup vai medrando aos poucos tamén. Fallan diferentes factores. En primeiro lugar, se o emprendemento é un dos retos máis duros de calquera carreira profesional, facelo en España é todavía máis complicado. O custo mensual de facerse autónomo, o custo adicional de empregar a un traballador, a inestabilidade económica, a falta de iniciativas públicas efectivas para a promoción dun tecido tecnolóxico... Hai moitas razóns para xustificar unha falta de emprendemento. No caso de Galicia e de outros moitos lugares de España, vivimos un centralismo económico que concentra toda a inversión tecnolóxica en núcleos concretos do territorio, vaciando as provincias de persoal formado para levalos a lugares xentrificados, elevando o custo da vida dos locais, e traballando polo desenvolvemento de zonas moi concretas mentras o resto do país cae nunha recesión (económica, cultural, demográfica). Sen entrar en valoracións políticas (habería tantísimo do que falar!), considero que o primeiro paso para ver florecer o emprendemento en Galicia é comezar a promocionar o traballo remoto dende alí. Moitos lugares do mundo con crises demográficas xa estableceron iniciativas para recuperar talento e reactivar as economías locais (non exentos doutros problemas e polémicas derivadas desta situación, pero ese é outro tema que tamén habería que abordar). Máis adiante, eses enxeñeiros relocalizados poderían comezar a establecer redes profesionais de contacto, eventos, iniciativas, colaboración coas universidades locais... Ao final, poderiamos ter un ecosistema moi propicio para a creación de empresas emerxentes e reforzo das que xa existen. Soa máis fácil do que en realidade é, pero consideroo máis efectivo que as iniciativas puramente baseadas na subvención e no reparto de cartos. Investir sen un proxecto é coma regar sen sementar primeiro.

Eindhoven

Sénteste vítima da fuga de talento e integrante da xeración perdida da que tanto se fala, e máis coas sucesivas crises económicas?

Creo que, nin son unha vítima, nin a miña xeración está de ningunha forma perdida. Por suposto que me gustaría realizar o meu traballo máis preto da casa, pero considero que a vítima é unha sociedade disposta a realizar o esforzo de formar profesionais que logo marchan sen ter a oportunidade de facer rentable o investimento adicado a súa educación. Educación que en España se garante a persoas de niveis socioeconómicos moito máis diversos que noutros países europeos, gracias ao investimento público. As crises económicas tampouco explican a totalidade do problema. Países Baixos atópase tamén nun momento económico delicado, con niveis de inflación históricos, unido aos elevados custos da enerxía e unha crise de vivenda sen precedentes. Acostumamos a ver aos países do norte como uns referentes de perfección políticoeconómica, pero a realidade é que calquera sitio ten que librar as súas propias batallas. Malia iso, o sector tecnolóxico non parou de medrar e as condicións mantéñense competitivas pola falta de persoal capacitado.

En Países Baixos tes contacto e vida social con outros galegos residentes no país? Hai algunha asociación ou colectivo galego na túa zona?

Coñezo a varios galegos vivindo e traballando en Eindhoven. A última vez que investiguei sobre asociacións galegas en Países Baixos, atopei cinco iniciativas que estaban recollidas en diversos blogs e na páxina da Xunta, pero ningunha opera na miña cidade.

Klokgebouw

Que che costou máis na túa adaptación? E no positivo, que che gusta máis da túa actual etapa en Países Baixos?

Saber que non estas aí cando ocorren cousas (boas ou malas) en Galicia. Este ano teño planificado visitar máis a terra, despois de varios anos fóra e con dous de pandemia nos que viaxar era un reto. Países Baixos gústame moito, pero o que máis especial o fai é o inmenso círculo de persoas que coñecín. Eindhoven é unha cidade viva, aberta, con moito que facer, e unha poboación moi internacional. Non é Ourense... pero sempre vai a ser a miña cidade de adopción.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia