Consellería de Economía e Industria
Rueda destaca que no 2026 estarán xa en execución as 4.000 vivendas comprometidas nesta lexislatura e que duplicarán o parque público de Galicia ata as 8.000

- Logo do retiro de traballo mantido en Meis (Pontevedra) durante a fin de semana, enxalzou que a Comunidade conta “cun Goberno de palabra que cumpre cos seus compromisos” e que seguirá a apostar “por esa Galicia Calidade da que cada vez máis galegos e galegas se poidan sentir orgullosos”
- O presidente da Xunta avanzou que o vindeiro ano nacerá a Fundación Galtia, para atraer talento, arrincarase coa Fábrica de Intelixencia Artificial e xurdirá o primeiro centro de protonterapia da sanidade pública en España
- Outro fito será o de chegar aos 100.000 dependentes atendidos, “se non o impide o recurso presentado polo Goberno central ao plan de choque para a dependencia impulsado pola Xunta, e que supón un risco certo de bloqueo”, advertiu Rueda
- Tamén matizou que a Xunta vai continuar co plan de repotenciación dos parques eólicos “se o Goberno central non o impide con ese recurso incomprensible que formulou para despois sacar unha normativa que reproduce practicamente o que nós queriamos facer aquí e non nos deixan”
- No 2026 seguirase a construír o Camiño do Litoral, desde Ribadeo ata A Guarda, remataranse as obras das estacións intermodais da Coruña e de Lugo, e avanzarase nas vías de Alta Capacidade Tui-A Guarda, Nadela-Sarria, Brión-Noia, na da Costa da Morte, na Variante de Viveiro e na vía rápida ata A Lanzada
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que no 2026 estarán xa en marcha as 4.000 vivendas comprometidas na actual lexislatura para duplicar o parque público de Galicia. Así, ás 3.000 que xa se encontran en diferentes estados de execución, sumaranse antes de que remate o vindeiro ano outros 1.000 aloxamentos, dos que o 25% dos de venda e o 40% dos de alugueiro estarán reservados aos mozos e mozas de menos de 36 anos.
Rueda, que interveu ante os medios tras o retiro de traballo do Executivo autonómico que tivo lugar a pasada fin de semana en Meis, puxo en valor que Galicia conta cun “Goberno unido, que traballa coordinadamente” e que “somos un Goberno de palabra que cumpre cos seus compromisos”.
Detallou que nos dous últimos días o Executivo galego analizou a folla de ruta para o próximo ano, na que se reflicte unha forte aposta pola I+G+i, a ciencia e a Innovación galega. Neste eido, destacou que en 2026 se poñerá en marcha a Fundación Galtia, para atraer talento, e arrincarase coa Fábrica de Intelixencia Artificial. Ademais, a Comunidade contará en 2026 co primeiro centro de protonterapia da sanidade pública en España.
ALCANZAR OS 100.000 DEPENDENTES ATENDIDOS
Outro dos obxectivos para o vindeiro ano, segundo subliñou o presidente da Xunta, é chegar aos 100.000 dependentes atendidos, se non o impide o recurso presentado polo Goberno central ao plan de choque para a dependencia impulsado pola Xunta, que supón un “risco certo de bloqueo”.
No ámbito normativo, está prevista a aprobación da primeira Lei de Educación Dixital e darase luz verde á nova Lei de Administración Local de Galicia. Alfonso Rueda remarcou que 2026 será tamén o ano do Pacto pola Lingua e da renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua galega; e empezará a funcionar o Centro de Artes Dixitais.
En relación coa vivenda, a Xunta comezará a mercar locais en desuso para destinalos a fogares e lanzaranse ademais axudas para rehabilitar vivendas destinadas a traballadores beneficiarios dos programas de captación de talento.

AVANCES EN SEIS DESTACADOS VIAIS
Segundo salientou Rueda, tras a plena asunción das competencias na xestión da costa, seguirase a construír o Camiño do Litoral, desde Ribadeo ata A Guarda. E no tocante á mobilidade e ás infraestruturas, remataranse as obras das estacións intermodais da Coruña e de Lugo para a súa posterior entrada en funcionamento; e avanzarase nas vías de Alta Capacidade Tui- A Guarda; na Nadela- Sarria; na Brión- Noia; na da Costa da Morte; na Variante de Viveiro; e na vía rápida ata A Lanzada.
No que respecta á enerxía, a Xunta vai continuar co plan de repotenciación dos parques eólicos “se o Goberno central non o impide con ese recurso incomprensible que formulou para despois sacar unha normativa que reproduce practicamente o que nós queriamos facer aquí e non nos deixan”. Galicia busca reducir os aeroxeradores, para pasar dos máis de 2.500 actuais a arredor de só 700, ao tempo que se incrementa a xeración de enerxía nun 35%.
Ademais, melloraranse as infraestruturas contra o lume con investimentos nas bases aéreas e con máis medios aéreos. A Comunidade seguirase abrindo ao turismo de calidade, segundo sinalou o presidente do Executivo galego, quen apuntou que se poñerán en marcha novas iniciativas, como a regulación do turismo mariñeiro.
Concluíu a súa comparecencia remarcando que “o ano 2026 ten que ser un ano de moitísimo traballo, un ano grande, preludio dese ano enorme que ten que ser para Galicia o 2027, o ano Xacobeo”. Así, sinalou que “seguiremos apostando por esa Galicia Calidade da que cada vez máis galegos e galegas se poidan sentir orgullosos como eu me sinto orgulloso do Goberno galego”.

























