Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Axencia Galega da Industria Forestal amplía o convenio de colaboración coa Fundación Catedral de Santiago para asesoramento técnico en tarefas de restauración

  • Os técnicos do CIS-Madeira prestarán apoio en elementos moi visibles da Catedral, como a balaustrada do cimborrio, a estrutura de madeira da Torre do Reloxo ou na construción dun novo xugo para a campá da Berenguela
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ve na conservación do patrimonio histórico unha moi boa oportunidade para visibilizar a versatilidade estética e a durabilidade da madeira empregada na construción
  • Lembra que o CIS-Madeira, con sede en Tecnópole -no polígono de San Cibrao das Viñas-, tamén está colaborando na rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salienta que a conservación do patrimonio histórico é unha moi boa oportunidade para visibilizar a versatilidade estética e a durabilidade da madeira empregada na construción. Así o manifestou durante a sinatura do convenio de colaboración entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela. Un convenio en virtude do cal, o CIS-Madeira prestará todo o asesoramento técnico necesario nos labores de restauración que se van levar a cabo na balaustrada do cimborrio e na estrutura de madeira da Torre do Reloxo, así como na construción dun novo xugo para a campá da Berenguela.

Lorenzana enxalzou o “extraordinario” labor dos técnicos do CIS-Madeira e “o coñecemento tan profundo que teñen” dos diferentes usos deste material, tanto en proxectos de conservación e restauración como en nova construción. Ao respecto, lembrou que tamén están colaborando na rehabilitación do Pazo de Lourizán, en Pontevedra.

O acordo asinado, sen custo económico e cunha duración de catro anos, dá continuidade ao que a Xera, de quen depende o CIS-Madeira, e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela xa asinaran en 2018. Daquela restaurouse o baldaquino (na capela maior) con vigas de madeira de castiñeiro, os xugos de carballo da Torre das Campás, e tamén se interveu nas capelas absidiais da cabeceira do templo -A Branca, Mondragón e O Pilar- e na cuberta de madeira de carballo de Santa María A Antiga da capela da Corticela.

O CIS-Madeira, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense), é un centro especializado nos diferentes usos da madeira que, entre outras actividades, leva a cabo proxectos de I+D+i, asistencias técnicas e formación de profesionais no sector da construción en madeira, tanto no eido da rehabilitación e do patrimonio como en obra nova.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia