Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O PROGRAMA RENOVA O TEU VEHÍCULO, DA XUNTA DE GALICIA, ABRE PRAZO DE SOLICITUDES CO OBXECTIVO DE APOIAR A COMPRA DE 1.200 UNIDADES ENERXETICAMENTE EFICIENTES

Renova 2024

• A convocatoria, dotada con 3 millóns de euros, está dirixida a particulares, autónomos e empresas

• As axudas oscilarán entre 3.000 e 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, cun incremento adicional do 20% para as familias numerosas

• O prazo de solicitudes estará vixente entre o 17 de xaneiro e o 30 de setembro, ou ata o esgotamento do crédito

• O programa Renova o teu vehículo aposta por fomentar a transición cara a unha mobilidade eficiente, así como por dinamizar o sector e modernizar o parque automobilístico galego

A Xunta de Galicia informa da apertura do prazo de solicitudes da nova convocatoria do programa Renova o teu vehículo, que aposta por fomentar a transición cara a unha mobilidade eficiente.

O programa prevé que se adquiran ao redor de 1.200 vehículos enerxeticamente eficientes por parte de cidadáns e empresas. Entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire, así como dinamizar o sector.

Renova o teu vehículo está dirixido tanto a particulares coa súa residencia habitual en Galicia –que poderán adquirir un único vehículo– como autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, que poderán mercar un máximo de 10 unidades. A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 42.000 euros -cantidade que ascende a 47.000 euros no caso de vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico-. Será requisito imprescindible que o adquirinte titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.

ATA 4.600 EUROS DE AXUDA PARA AS FAMILIAS NUMEROSAS

As axudas, de concorrencia non competitiva e que se tramitarán a través das entidades colaboradoras, oscilarán entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2.000 e 3.000, respectivamente, e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20% para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e os 4.600 euros.

Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva que se manterá aberta ata o vindeiro 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito, que ascende a 3 millóns de euros.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia