Consellería de Economía e Industria
Lorenzana subliña que o obxectivo da política mineira da Xunta é facer de Galicia un “territorio industrial”, e non só un enclave extractivo

- Na clausura da xornada `Galicia: territorio estratéxico para unha minería de vangarda´, asegurou que os concursos representan “unha aposta polo coñecemento e a ordenación do territorio”
- A conselleira de Economía e Industria vinculou a nova estratexia industrial da Xunta coa Lei de recursos naturais, unha norma “profundamente galega, que entende ben que é Galicia e o que queren os galegos”
- “O que perseguimos é sempre o mesmo: máis industria, máis innovación, máis emprego e máis oportunidades. E iso tamén explica a importancia de ámbitos como San Finx, Corcoesto ou Santa Comba”, argumentou.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que o obxectivo da política mineira da Xunta non é facer de Galicia un territorio extractivo, senón “un territorio industrial”. “A diferenza é enorme -dixo-, porque a riqueza non está simplemente no recurso que sae do solo; a riqueza está no coñecemento que somos capaces de incorporar a ese recurso”. Así o manifestou na clausura da xornada `Galicia: territorio estratéxico para unha minería de vangarda´, onde asegurou que tanto os concursos de 2025 como os que se van convocar en 2026 representan unha aposta polo coñecemento e a ordenación do territorio. “Todos os que queremos unha Galicia industrial, unha Galicia do si, e que non temos prexuízos sobre o desenvolvemento industrial, que non queremos caer en tópicos sobre o desenvolvemento mineiro, imos ser quen de sacar adiante esta estratexia mineira”, asegurou.
Segundo apuntou, a principal novidade política desta nova etapa é a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais. “Unha norma pioneira, profundamente galega, que entende ben que é Galicia e o que queren os galegos e baseada nun principio moi simple: se Galicia achega os seus recursos, Galicia debe participar tamén dos beneficios que xeran”, precisou.
PROTECCIÓN AMBIENTAL E RETORNO SOCIAL
“Xa non chega con demostrar capacidade financeira”, dixo, para sinalar que o que se valora agora é a creación de emprego, a colaboración co tecido empresarial local, a formación, a integración no territorio, a protección ambiental e o retorno social. “Queremos os mellores proxectos pero queremos tamén os proxectos máis comprometidos con Galicia”, matizou.
“O que perseguimos é sempre o mesmo: máis industria, máis innovación, máis emprego e máis oportunidades. E iso tamén explica a importancia de ámbitos como San Finx, Corcoesto ou Santa Comba. Cada un deles ten a súa propia historia, a súa propia realidade, os seus propios desafíos. Pero todos eles deben abordarse desde o mesmo principio: o rigor”, subliñou a titular de Economía e Industria.
Lorenzana concluíu asegurando que “a minería moderna só pode construírse desde a confianza e a confianza constrúese con información aos cidadáns, coa participación de todos, con garantías e con responsabilidade”. Nese sentido, ratificou que a posición da Xunta é clara e firme: “Somos unha Administración exixente e transparente que traballamos con minuciosidade pero tamén desde a máxima da seguridade xurídica e da exixencia ambiental”.
























