Consellería de Economía e Industria
A XUNTA E A REDE INVESTIGAL IMPULSAN O `I FORO DA INVESTIGACIÓN GALEGA NO ESTRANXEIRO´, QUE XURDE COMO NOVO PUNTO DE ENCONTRO DO ECOSISTEMA DE I+D+I
-
A primeira edición do Foro, que se enmarca no Programa de Talento da Xunta, terá lugar en Bruxelas os vindeiros 8 e 9 de marzo
-
Como obxectivos destacan fomentar a relación e intercambio de ideas entre o persoal investigador galego afincado no estranxeiro e o de Galicia e visibilizar oportunidades de retorno de talento á Comunidade galega
-
Na xuntanza coa rede InvestiGal, que conta con máis de 540 asociados, a directora de Gain presentoulle ao colectivo o texto definitivo do decreto que regula a carreira investigadora na Administración pública galega e que foi aprobado polo Consello da Xunta o pasado 11 de xaneiro
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, mantivo unha reunión con representantes da asociación InvestiGal: Rede Galega pola Investigación, que reúne a máis de 540 persoas asociadas. Na xuntanza coordinaron a celebración do `I Foro da Investigación Galega no Estranxeiro´, que se celebrará os vindeiros 8 e 9 de marzo en Bruxelas, co obxectivo de converterse no punto de encontro do colectivo de persoas investigadoras galegas no estranxeiro. Ademais, expúxose o texto definitivo do decreto que regula a carreira investigadora do persoal ao servizo da Administración galega, aprobado no Consello da Xunta do pasado 11 de xaneiro.
O `I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro´, organizado conxuntamente pola Xunta e InvestiGal e enmarcado no Programa de Talento do Goberno galego, persegue establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo; e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de que desenvolvan unha traxectoria de excelencia na nosa Comunidade. Así mesmo, servirá para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta e as tres universidades galegas, e visibilizar as oportunidades de retorno de talento á nosa Comunidade.
DECRETO REGULADOR DA CARREIRA INVESTIGADORA
A Xunta aproveitou o encontro para informar á asociación do texto definitivo do decreto que regulará a organización, promoción e carreira profesional do persoal de investigación ao servizo dos organismos de investigación da administración autonómica.
A norma, que ofrece un marco laboral estable e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación, aspira a contribuír a captar talento investigador na nosa Comunidade.
O decreto regula a xestión e organización do persoal, tanto investigador como técnico, de todos os centros e estruturas de investigación propios, incluídos os centros de investigación sanitaria, e atende todas as etapas da actividade investigadora. Así mesmo, regula a mobilidade para mellorar a formación do persoal de investigación e facilitar a súa actividade en axentes públicos e privados do Sistema de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación.
Co obxectivo de impulsar unha investigación de excelencia en Galicia, tamén establece un complemento retributivo en función dos fondos captados polo persoal de investigación en convocatorias competitivas. Por último, favorece a cooperación entre o tecido investigador e o tecido empresarial e facilita o desenvolvemento de actividades empresariais por parte do persoal de investigación.

























