Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana remarca que a competitividade da industria galega vai depender do desenvolmento de enerxía renovable que logre Galicia nos vindeiros anos

Lorenzana remarca que a competitividade da industria galega vai depender do desenvolmento de enerxía renovable que logre Galicia nos vindeiros anos
  • Na inauguración da `XI Xornada Eólica en Galicia Wind Galicia 2024´, organizada por Cluergal, defendeu o trinomio formado por enerxía, industria e sociedade

  • Plantexa un modelo eólico “que respecte o medio ambiente, que reverta beneficios nos cidadáns e nas industrias e que achegue certezas aos investidores e á sociedade”

  • A conselleira sitúa a Galicia en vantaxe fronte a outras comunidades para ser un centro de excelencia da tecnoloxía eólica, terrestre e mariña, pero advirte que “non podemos ter paralizado o sector polas inmensas posibilidades que están detrás deste desenvolmento”

  • En 2023 Galicia incrementou a súa produción de enerxía renovable nun 24% e esta fonte xa representa o 75% do mix rexional, a terceira cota máis alta de España

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que a competitividade da industria galega vai depender do desenvolvemento de enerxía renovable que Galicia consiga levar a cabo nos vindeiros anos. “Do que se trata é de que sexamos quen de conseguir un trinomio entre enerxía, industria e sociedade, compatibilizándoo dentro do territorio e planificándoo axeitadamente”, abondou durante a súa intervención na inauguración da XI Xornada Eólica en Galicia Wind Galicia 2024, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal).

Neste marco Lorenzana avogou por un modelo eólico que respecte o medio ambiente, que reverta beneficios nos cidadáns e nas industrias e que achegue certezas aos investidores e ao conxunto da sociedade. “Temos a oportunidade enorme que non teñen outras comunidades autónomas de converternos nun centro de excelencia da tecnoloxía eólica, terrestre e mariña, desenvolvendo novas solucións e optimizando as existentes”, dixo, para remarcar: “Non podemos ter paralizado o sector polas inmensas posibilidades que están detrás deste desenvolvemento”.

A conselleira mencionou como ferramentas clave do desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia, a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais, que xa entrou no Parlamento o pasado día 20 de maio; ou a sociedade Recursos de Galicia, unha entidade na que está o respaldo da Xunta para os proxectos de economía verde que revertan beneficios nas industrias e na cidadanía.

Nas súas palabras, trátase dunha industria sólida porque a xeración eólica en Galicia supón 923M€ de contribución ao PIB anual (o 1,6%), e a isto contribúen os 188 parques en funcionamento, que producen case 4.000 MW. De feito, en 2023 Galicia incrementou a súa produción renovable nun 24% e supón o 75% do mix rexional, unha cota que é a terceira máis alta de todo o país. A eólica é a tecnoloxía que máis GWh achegou á estrutura de xeración da rexión: ata o 38,1% do total, o que converte Galicia na terceira comunidade autónoma con maior xeración eléctrica a partir da forza do vento. Non obstante, Lorenzana tamén fixo fincapé en que a dependencia enerxética en Galicia é do 66,4%, un valor que aínda segue a ser moi alto.

Finalmente, a conselleira de Economía e Industria defendeu que o futuro do sector pasa por sumar as maiores achegas posibles desde o diálogo e o consenso entre o público e o privado.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia