Consellería de Economía e Industria
A aceleradora Business Factory Sport avanza como motor de innovación, emprendemento e emprego no puxante sector do deporte e o benestar

- Na inauguración do ‘Startup Day Incubación’, a directora do Igape enxalzou que Galicia vive “un momento especialmente favorable para a innovación”, cun ecosistema “diverso, equilibrado e en crecemento”
- Precisou que o investimento galego en I+D ronda o 1,3% do PIB, co que a Comunidade se consolida como o sexto ecosistema máis dinámico de España, con máis de 400 empresas tecnolóxicas, case 3.000 empregos xerados e 290 millóns de euros de facturación
- A Business Factory Sport intégrase na rede galega de aceleradoras sectoriais, un modelo baseado na colaboración público-privada que xa leva impulsado máis de 830 proxectos innovadores e xerado 1.400 empregos cualificados
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do ‘Startup Day Incubación’ da Business Factory Sport (BFSport), onde puxo en valor o papel desta aceleradora como ferramenta estratéxica para impulsar o emprendemento innovador no ámbito do deporte e do benestar. Durante o acto, celebrado no Real Club Náutico de Vigo, Toca Carús destacou que Galicia vive “un momento especialmente favorable para a innovación”, cun ecosistema “diverso, equilibrado e en crecemento”, no que a innovación se estende a todo o territorio e a múltiples sectores. Neste sentido, lembrou que o esforzo galego en I+D xa se sitúa arredor do 1,3% do PIB e que Galicia consolidouse como o sexto ecosistema máis dinámico do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas, preto de 3.000 empregos xerados e unha facturación superior aos 290 millóns de euros.
Subliñou ademais que eses resultados responden a unha estratexia clara da Xunta baseada “na colaboración público-privada, na especialización por sectores e no acompañamento continuo aos emprendedores e ás empresas”, unha visión da que nace precisamente a Business Factory Sport. Neste contexto, a directora do Igape puxo en valor o deporte e o benestar como un sector estratéxico, con capacidade para xerar innovación, industria e emprego de calidade. “Son saúde, tecnoloxía, industria e economía, pero tamén unha oportunidade real para crear empresas innovadoras, con vocación de crecemento e internacionalización”, afirmou.
A Business Factory Sport intégrase no modelo galego de Business Factories, unha rede de aceleradoras sectoriais que converteu Galicia nun referente en innovación aplicada e colaboración público-privada, con iniciativas consolidadas en ámbitos como a automoción (BFAuto), o aeroespacial (BFAero), o agroalimentario (BFFood), a sustentabilidade (BF ClimaTech) ou o emprendemento transversal (VíaGalicia). Este modelo xa ten impulsado máis de 830 proxectos innovadores e xerado máis de 1.400 empregos cualificados.
RESPALDO FINANCEIRO E OPERATIVO
Covadonga Toca enxalzou tamén o respaldo financeiro e operativo que ofrece o programa aos proxectos participantes. Desde o Igape, a Xunta cofinancia o 80% dos custos operativos da aceleradora, permitindo aos equipos centrarse no desenvolvemento do produto, a validación do modelo de negocio e a súa saída ao mercado. A este apoio súmase o papel de XesGalicia, que reforza o acompañamento financeiro nas fases posteriores de crecemento e consolidación.
En referencia aos proxectos presentados no ‘Startup Day Incubación’, sinalou que son “unha moi boa mostra deste enfoque e deste ecosistema”, con iniciativas orientadas ao mercado, cun forte compoñente innovador e ambición de crecer desde Galicia. A responsable do Igape concluíu lembrando que a Business Factory Sport é “unha aposta a longo prazo por Galicia: polo noso talento, pola innovación e polo futuro do deporte e do benestar na nosa terra”.


























