Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A XUNTA ACHEGARÁ MÁIS DE 11 MILLÓNS DE EUROS Á ACELERADORA BUSINESS FACTORY AUTO PARA IMPULSAR 60 NOVOS PROXECTOS NO SECTOR DA AUTOMOCIÓN

— A renovación do acordo de colaboración da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación con Ceaga, Stellantis, Consorcio da Zona Franca de Vigo e VigoActivo garante un investimento de máis de 20,5 millóns de euros durante os próximos catro anos

— Poñeranse en marcha tres novas convocatorias ata 2026, nas que se prevé impulsar un total de 30 proxectos en fase de aceleración e outros 30 na de consolidación

— O acordo, autorizado a pasada  semana polo Consello da Xunta, reforza o ecosistema galego de innovación no sector da automoción e fortalece o seu posicionamento e proxección internacional

— Nas súas seis primeiras edicións, BFAuto captou 500 candidaturas, procedentes de 49 países, co resultado de 64 novas empresas creadas, 550 empregos e unha cifra de negocio que en 2022 superou os 90 millóns de euros

— O programa, que xurdiu ao amparo da axenda industrial da Xunta, sitúa a Galicia como referente internacional de I+D+i no sector e a Vigo como polo de innovación de vangarda a nivel europeo

— O prazo para a captación de proxectos e a presentación de candidaturas da vindeira convocatoria abrirase durante o primeiro trimestre deste ano 2023, despois da publicación do novo convenio no BOE

A renovación do convenio de colaboración da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación con Ceaga, Stellantis, Consorcio da Zona Franca de Vigo e VigoActivo, autorizada a pasada semana polo Consello da Xunta, permitirá impulsar ata 60 novos proxectos a través da aceleradora Business Factory Auto (BFAuto), especializada en automoción. En concreto, poñeranse en marcha tres novas convocatorias ata 2026.

O investimento total ascende a máis de 20,5 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegará máis de 11,1M€, preto do 55% total, facilitando deste xeito a continuidade dunha iniciativa que conta coa integración de todos os axentes necesarios para reforzar en Galicia un ecosistema de innovación no sector da automoción, ademais de fortalecer o seu posicionamento e proxección internacional.

O novo convenio garante a convocatoria de tres novas edicións da aceleradora, tanto para novos proxectos como para a consolidación daqueles que están en marcha. Máis polo miúdo, prevense impulsar ata 60 plans -30 en fase de aceleración e 30 de consolidación-, podendo acollerse á Business Factory Auto proxectos innovadores con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector da automoción en Galicia.

CATRO FASES EN CADA EDICIÓN

Cada edición desenvolverase en catro fases. Unha primeira, de convocatoria, que durará arredor de catro meses, centrada na captación de proxectos e a presentación de candidaturas. A segunda, de selección, de dous meses, na que se elixirán un máximo de 10 proxectos para as fases seguintes (aceleración ou consolidación). Na de aceleración, de nove meses, os proxectos seleccionados recibirán o apoio da iniciativa a través da posta a disposición de recursos e a organización de actividades. E na de consolidación, de 12 meses, os equipos participarán nun proceso de formación, mentorización e networking dirixido a dispor dun produto desenvolvido e a potenciar a súa comercialización.

Este programa xurdiu ao amparo da axenda industrial da Xunta e ten permitido desenvolver en Galicia un ecosistema innovador no ámbito da automoción, situando Vigo á vangarda dos polos de innovación a nivel europeo.

Así, a BFAuto contribuíu a alcanzar importantes avances no eido da sensórica, a cobótica, a impresión 3D ou a robótica. Durante as seis primeiras edicións sumou 500 candidaturas presentadas, de 49 países diferentes, co resultado de 64 novas empresas creadas, que xeraron máis de 550 postos de traballo e facturaron máis de 90 millóns no ano 2022. Ademais, o 24% das compañías xa exportan os seus produtos ou servizos.

Estas cifras avalían o posicionamento da Business Factory Auto como peza clave do sector da automoción en Vigo e en Galicia. A aceleradora, que durante estes anos ten recibido numerosos galardóns nacionais e internacionais, abrirá o prazo para a captación de proxectos e presentación de candidaturas da primeira convocatoria no primeiro trimestre deste ano 2023, despois da publicación do convenio no BOE.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia