América
O Centro Galego O Noso Lar da República Dominicana tende pontes de colaboración coa Deputación de Ourense e cos concellos galegos do Camiño Francés

- Máis de 300 ourensáns están establecidos no país caribeño, na súa maioría empresarios e profesionais, o que abre vías para reforzar as relacións económicas coa provincia
- Antonio Sánchez, presidente do Centro Galego o Noso Lar, abordou con Luis Menor que as empresas ourensás poidan analizar posibles implantacións ou alianzas cos empresarios galegos da República Dominicana
- A colectividade galega do país tamén estreitou lazos coa Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, co reto de promover en América esta vía xacobea
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu ao presidente do Centro Galego da República Dominicana, Antonio Sánchez, acompañado por Jesús Suárez Conde, nun encontro no que se puxo en valor o papel da colectividade galega no exterior como ponte de relación económica e cultural. Durante a reunión, o presidente do Centro explicou a situación da colonia española no país, con especial atención á galega, que conta con arredor de 3.000 persoas, das que aproximadamente un 10 % (uns 300) teñen orixe ourensá. Segundo trasladou, trátase na súa maioría de empresarios e profesionais, o que reforza o potencial desta comunidade como motor de relacións económicas.
O encontro serviu tamén para coñecer o labor do Centro Galego, centrado na preservación da cultura, da lingua e das tradicións galegas, así como na proxección da imaxe de Galicia no exterior. Neste sentido, ambas partes coincidiron en destacar a importancia de manter viva a identidade galega fóra do territorio.
Ademais do ámbito cultural, o presidente provincial subliñou o interese en explorar novas vías de colaboración empresarial, tendo en conta o contexto actual da República Dominicana, un país que ofrece oportunidades de desenvolvemento, estabilidade e seguridade xurídica para investimentos. Neste marco, Luis Menor trasladou a disposición da Deputación para colaborar co Centro Galego e facilitar contactos que permitan ás empresas ourensás analizar posibles implantacións ou alianzas no país caribeño, abrindo así novas oportunidades de negocio.
PROMOCIÓN DO CAMIÑO FRANCÉS
Antonio Sánchez aproveitou ademais a súa estancia en Galicia para reunirse coa presidenta da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, Begoña Balado, e cos alcaldes e representantes institiucionais de Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas e O Pino. O obxectivo é explorar vías de colaboración para promocionar o Camiño de Santiago Francés entre os dominicanos.


























