América
LUCÍA SOTELO MÍGUEZ - ESTADOS UNIDOS

Xogadora da primeira división D-1 da liga universitaria de baloncesto con Virginia Commonwealth University (VCU) e estudante de Communication Arts
“A experiencia nos Estados Unidos está sendo incrible; gustaríame seguir xogando ao baloncesto todo o tempo que poida”
Texto: Javier de Francisco ©
De pais atletas, fillos baloncestistas. Non é un novo refrán, senón a norma acuñada na familia Sotelo Míguez. Lucía, Inés e Martín retratan á perfección a actual xeración de deportistas ourensáns que destacan por talento e esforzo; e os tres fano en canchas de baloncesto. Os seus pais, a ourensá Marta Míguez e o santanderino Julián Sotelo brillaron nos noventa e nos dous mil como lanzadores de xavelina de máximo nivel en España, con participacións olímpicas, campionatos nacionais, plusmarcas... Á súa maneira, os cinco da casa son expertos en distancias e en centímetros. Os fillos para o acerto no aro ou para impoñerse aos rivais en defensa, e os pais na súa permanente loita coa gravidade para desprazar máis lonxe a xavelina.
Lucía, como boa irmá maior, foi a encargada de mostrar o camiño cara unha fórmula que sempre triunfa na vida: a da alta formación académica máis deporte. Prepara a súa terceira temporada no equipo da Virginia Commonwealth University (VCU) que participa na primeira división (D-1) da liga universitaria de Estados Unidos. No ano do seu estreno na NCAA foi elixida no quinteto titular de xogadoras de primeiro ano da súa conferencia. Está becada e cursa Communications Arts, unha das titulacións máis prestixiosas da súa universidade. Algo máis ao norte, a súa irmá Inés xoga para Michigan State. Ela acaba de lograr a medalla de bronce con España no Mundial Sub-19. E de momento no fogar familiar e na súa cidade, o menor da saga, Martín, xa tivo tempo -con só 17 anos- de debutar co primeiro equipo do COB (Club Ourense Baloncesto) na primeira FEB. Seguíu os pasos de Lucía, que aos 16 anos debutou co Ensino de Lugo na máxima categoría española. A metade dunha moi dura xornada de pretemporada en Virginia, Lucía Sotelo fai relato da súa vida para os lectores de GaliciaExterior.

Estiveche xa este verán en Galicia?
Fun en maio pero xa tiven que volver o 15 de xuño. Pero despois, o 3 de agosto, terei outros 15 días para voltar a casa. Regresarei a Estados Unidos o 17 de agosto.
Nesa data, a mediados de agosto é cando inicia a pretemporada o teu equipo da Virginia University?
Non exactamente. Agora (finais de xullo) xa estamos en pretemporada, pero despois continuaremos con ela en agosto. Os adestramentos de temporada comezarán en setembro e outubro, porque na NCAA o primeiro partido non será ata novembro.
É dicir, aí a planificación e o calendario das pretemporadas é moi diferente...
Aquí non hai tantos meses de descanso como aí. Bueno, si falamos de clases na universidade acaban en maio e comezan a mediados de agosto. E os adestramentos comezan o 15 de xuño; despois temos 15 días en agosto para volver a casa ou para o que prefira cada unha, e logo xa adestramos de seguido.

Xogas na primeira división da liga universitaria dos Estados Unidos. A competición é tamén por conferencias, ao estilo da NBA?
Sí, xogo na primeira división universitaria. A NCAA xógase por conferencias, non por estados. Nós temos que viaxar a Chicago, Philadelphia, Ohio, Indiana... Saímos bastante do estado. Son grupos que están feitos, pero non só xeográficamente. No noso equipo estamos máis por esta zona horaria do país, pero viaxamos bastante. Cando a viaxe supera as tres horas en bus, entón o desprazamento faise en avión.
Nas dúas temporadas que xa completaches en Virginia, cal foi o teu maior éxito deportivo, tanto a nivel colectivo como persoal?
O primeiro ano gañamos máis de 20 partidos e tivemos 5 derrotas na temporada, e quedei no quinteto ideal de xogadoras de primeiro ano da conferencia. A segunda temporada non foi tan ben. Tivemos algún que outro problema no equipo e non saíu como queríamos que saíse. Pero bueno, as cousas pasan. Agora quedamos só catro xogadoras do ano pasado, así que é un equipo novo e esperamos dar un bo rendemento.

No equipo hai outras xogadoras españolas?
Acaba de chegar Laia Crespín, que é de Tarragona. E nos dous anos anteriores non coincidín con españolas no equipo. Estiven convivindo eses dous anos cunha arxentina e cunha chilena, que me recibiron moi ben. Tamén eran novas nesta universidade, aínda que son dous anos maiores ca min.
Para o teu terceiro ano na NCAA tedes boas expectativas?
Penso que sí. Temos un bo equipo. Estamos xa casi todas aquí; falta unha xogadora, que é ucraína, e que pola visa e a guerra non sabemos cando vai poder vir. Pero as demais do equipo estamos todas aquí. Si xogamos ben, en equipo, e estamos todas na mesma páxina, teremos posibilidades de chegar lonxe.
Cal é a túa posición na pista?
Xogo de interior; pívot catro ou cinco. A miña estatura é de 1.87.

Ademais da formación no deporte, estás a cursar unha titulación universitaria na Virginia Commonwealth University. Cal é?
Aquí chámase Communication Arts. Estou cursando unha carreira de artes. A miña escola, a VCU, ten unha das mellores programacións en escolas de arte nos Estados Unidos. Estou facendo unha carreira de arte que é Arte e Comunicacións; está enfocada no deseño de personaxes para videoxogos, en creación de historias, para contar cousas coa túa arte. E tamén vale para marketing, publicidade...
As materias están moi volcadas na dixitalización?
Sí, precisamente onte tiven unha clase de deseño en 3D, que consistía en facer deseños co ordenador. Pero aquí o bo é que podes especializarte no que queiras; temos a opción de ir máis por animación, polo 2D, ou por adaptarte ao que ti queiras facer.
No futuro, gustaríache seguir nos Estados Unidos, tanto no deporte como na túa profesión?
Non teño moi claro o que quero facer. Non pensei moito no futuro. Estou vivindo máis o día a día, pero gustaríame seguir xogando ao baloncesto todo o tempo que poida e que queira xogar, así que seguramente sería volver a Europa e seguir xogando nalgún equipo alá. Porque nos Estados Unidos está a NBA de mulleres e non hai máis opcións profesionais.

Entón non ves posible chegar á Women´s National Basketball Association (WNBA). Sería un salto de nivel moi grande?
É que resulta bastante complicado. Ao ser unha liga bastante reducida, non hai moitos equipos, e ademais moitas xogadoras tamén van na temporada a Europa ou a outros lugares. Porque aquí a liga é de verán; entón resulta máis complicado vivir do baloncesto profesional.
Ao igual que a túa irmá Inés, ti tamén estiveches en convocatorias da selección española?
Sí, pero cando era pequena. Con 14 anos ou así. A que está coa selección é Inés. Eu estiven cando era sub-13 e despois chamáronme no ano do covid, pero debido á pandemia non se fixo nada.

A túa nai é moi coñecida no deporte galego como atleta e tamén como excelente xestora. E o teu pai tamén foi deportista de elite...
Sí, os dous en lanzamento de xavelina. O meu pai foi olímpico en Barcelona 92 e mamá en Sidney, no 2000. E os dous foron campións de España na súa especialidade. O meu pai é cántabro e por iso igual non é tan coñecido en Galicia, xa que ten o recoñecemento en Cantabria.
E os tres fillos dos atletas Marta Míguez e Julián Sotelo elixistes o baloncesto. Foi polo traballo de canteira do Bosco, o clube dos Salesianos de Ourense?
Cando éramos pequenos, eu fixen algún deporte máis que os meus irmáns. Non foi decidir os tres á vez o baloncesto. Fixemos baloncesto, pero tamén un montón de deportes máis e ao final acabamos elixindo o que máis nos gustaba. A miña irmá e eu tivemos moita sorte. Cando decidimos unirnos ao Bosco Salesianos tivemos moita sorte coa nosa idade. Inés era a única do 2006, pero o ano 2005 era moi bo e tiñamos unha gran conexión entre as xogadoras. Foi moi divertido e sentíaste moi ben. Non había ningúen que destacara moitísimo sobre as demais, pero xogabamos a bo nivel en equipo e por iso chegamos lonxe.

Con Inés só te levas un ano?
Sí, con Inés lévome un ano e medio, e Martín con Inés tamén se leva un ano e medio. Martín é o máis pequeno, é do ano 2008, e tamén é de marzo.
E a pesar de ser tan novo, Martín debutou co primeiro equipo do COB hai só uns meses?
Sí, debutou hai pouco, nun dos últimos partidos da temporada pasada do COB.
Volvendo ao tema de elixir deporte, os vosos pais non tiraron un pouco por vós cara o atletismo? Porque que outros deportes practicaches ti?
Eu fixen natación, balonmán, loita libre, atletismo por suposto, e baile, ximnasia, tenis, bádminton, patinaxe... Moitos deportes, xa non me acordo de todos. Atletismo fixemos máis tempo que outros, eu creo que tres anos, no Pabellón. Era pequena e facía de todo; nunca quería lanzar xavelina, pero sí outras modalidades de lanzamento.
De momento non che atrae fichar por algún clube da primeira división de España?
A verdade é que estou máis pendente do de agora. Céntrome en estar ben neste momento, en mellorar e tamén en vivir a xuventude e a experiencia de estar aquí, e de coñecer xente. Teño moita sorte coa universidade, porque hai xente de todas partes. É unha universidade moi aberta nese sentido e a verdade é que está moi ben.
Continúas becada?
Sí, con beca completa.

Seguro que nestes días na vosa familia falouse moito do Mundial Sub-19 de Chequia no que a túa irmá Inés colgou a medalla de bronce. Durou moito a celebración?
(Risas). Foi moi, moi ben. Sabíamos que o partido contra Estados Unidos era complicado, pero loitarono. Contra Canadá empezaron algo nerviosas, pero despois xa xogaron como saben facelo e a verdade é que saíu todo moi ben. Foi un final cos pelos de punta e con moitos nervios. Eu seguín os partidos desde aquí.
Inés tamén xoga na liga universitaria de Estados Unidos, en Michigan State. Védesvos algo durante a temporada?
Ela está algo máis ao norte que eu. Vímonos en outubro; fun a vela no seu cumple. Despois estivemos xuntas no Nadal e logo cando tiven un descanso tamén fun a visitala.
Con idades tan parellas, falades de cando en vez do soño de xogar xuntas algún día?
Bueno, xogamos xuntas toda a vida. Segue sendo raro non xogar con ela, e faríaseme tamén moi raro xogar contra ela. Pero quen sabe no futuro? A min gustaríame moito xogar con Inés no mesmo equipo e penso que a ela tamén lle gustaría.

Xogades na mesma posición?
Ela xoga máis exterior ca min. Diría que lle gusta máis botar a pelota, porque cando xogaba no Ensino, no cadete, sí que é verdade que ás veces subía a pelota. Como creceu máis tarde ca min, ao principio, de pequena, non xogaba dentro. Pero bueno, ela pode facer o que queira, porque talento e esforzo non lle faltan.
Outro bo soño sería que Ourense tivese algún día un equipo feminino na primeira división?
Sí, estaría ben. O Pabellón tivo equipo feminino, pero desfíxose. Coa miña idade o Bosco estaba ben, pero claro, en Ourense xa non había máis proxecto a futuro. A verdade é que no tempo no que estivemos a miña irmá e eu no Bosco, e antes de que chegaramos a categorías maiores, tivemos unha boa experiencia no equipo. É certo que Lugo apostou polo equipo feminino e por iso decidimos ir alí.
Adestras moitas horas nesta fase da pretemporada?
Hoxe por exemplo, levanteime ás 6.30 da mañá e co equipo fomos a camiñar 45 minutos cun chaleco de peso. Iso foi ás 7.30 AM. Logo, ás 8.30 fixemos un circuito físico e despois bici estática, aínda que eu estiven correndo porque estou recuperándome da espalda e a bici non me vai moi ben. Ás 10 tiven fisio para a espalda. Logo, ás 11 comezamos o entreno e acabamos ás 12.30, e despois tiven como 10 ou 15 minutos de técnica individual no poste; e xa. Hoxe foi un día completo.
Polo menos a tarde será libre, non?
Bueno, ás cinco temos un partido pick-up, que organizamos entre as xogadoras. Son partidos entre nós e con xente que nos axuda a ter máis número, para practicar. Supoño que serán uns 45 minutos.
Pero a pesar de tanto esforzo e traballo, seguro que a experiencia en Estados Unidos está sendo incrible...
Sí, é certo. Está sendo unha moi boa experiencia. Temos compañeiras de Australia, Canadá, Serbia, India... De todas partes.
E tamén é bo o recibimento das xogadoras de USA?
Sí, sí, sen problema.
Cun ritmo de vida tan intenso e coa lexanía, consegues visitar de cando en vez Cortegada?
Sí, a miña nai é do concello de Cortegada, pero de Louredo, un pobo máis pequeno. E a miña aboa vive aí, entón cando podemos imos a visitala. Os meus pais viven en Ourense.
Sigue a Lucía nas redes:
INSTAGRAM: www.instagram.com/luciasotelo_32/

























