Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

LORENZANA DEFENDE IMPULSAR E ACELERAR A TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO ANTE O RETO DA DESCARBONIZACIÓN E DA DIXITALIZACIÓN

MARÍA JESÚS LORENZANA

• Na xornada ‘Transferencia de coñecemento. Ciencias sociais, humanas, xurídicas e artísticas’, organizada pola USC, avogou por aliñar as necesidades das empresas coas capacidades dos centros tecnolóxicos e co ecosistema de I+D+i

• “Nas universidades galegas hai moitísimo talento e coñecemento que temos que poñer ao servizo da sociedade para que xere máis valor económico e benestar social”, subliñou

• Puxo en valor o programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación, que nos últimos anos prestou apoio a 32 proxectos de transferencia, dos que 12 xa están no mercado a través de tres licenzas coa grande industria e nove spin-offs

• A conselleira de Economía, Industria e Innovación avanzou que a transferencia é un dos obxectivos nos que afonda o novo decreto que regula a carreira investigadora no sector público, e que será un dos asuntos nos que vai traballar a Mesa Emprega-Innovación

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, fai fincapé na importancia de impulsar a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo na busca de solucións innovadoras fronte aos retos da descarbonización, a dixitalización ou a transición enerxética. Así o manifestou durante a súa intervención na xornada `Transferencia de coñecemento. Ciencias sociais, humanas, xurídicas e artísticas´, organizada pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde avogou por aliñar as necesidades das empresas coas capacidades dos centros tecnolóxicos e o ecosistema de I+D+i.

Lorenzana puxo de relevo a importancia de impulsar a innovación aberta e a colaboración empresa-universidade. “Nas universidades galegas hai moitísimo talento e coñecemento que temos que poñer ao servizo da sociedade para que xere máis valor económico e benestar social”, dixo. Como vén facendo a Xunta de Galicia, sinalou que é clave apoiar e financiar o desenvolvemento de aplicacións comerciais das investigacións xeradas nos centros de coñecemento galegos en forma de spin-offs ou de acordos de licenza. “A Administración ten que estar onde é máis difícil acceder ao crédito e facilitar o paso a quen ten o coñecemento pero non ten as ferramentas para emprender”, subliñou, tamén, en alusión á liña de apoio a startups do Igape que, por primeira vez, cobre todos os gastos asociados.

PULO A 32 PROXECTOS NO MARCO DO PROGRAMA IGNICIA

Ao respecto, indicou que, no marco do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación, nos últimos anos xa se prestou apoio a un total de 32 proxectos de transferencia, dos que 12 xa están no mercado a través de tres licenzas coa grande industria e nove spin-offs creadas por parte de investigadores que se converten en emprendedores.

Na mesma liña, apuntou que a transferencia é un dos obxectivos nos que afonda o novo decreto que regula a carreira investigadora no sector público, así como un dos asuntos nos que vai traballar a Mesa Emprega-Innovación, que a Xunta vai poñer en marcha xunto con todos os axentes do ecosistema galego de I+D+i.

Segundo dixo, a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo tradúcese en novos investimentos, emprego cualificado e máis empresas. “Temos que aproveitar todo o coñecemento e talento que temos para que reverta en Galicia, se quede en Galicia e repercuta nas empresas, na sociedade e na creación de emprego”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia