Consellería de Economía e Industria
María Jesús Lorenzana enxalza o Galicia Fórum Gastronómico da Coruña como gran escaparate dos produtos galegos amparados baixo o selo distintivo Galicia Calidade
-
A conselleira de Economía, Industria e Innovación define esta cita de referencia do food service do noroeste peninsular como oportunidade para poñer en valor “a excelencia e singularidade” dos produtos agroalimentarios galegos
-
Engadiu ademais que este evento que se celebra ata o 9 de abril contribúe ao obxectivo de seguir avanzando na internacionalización da marca Galicia Calidade
-
O Fórum Gastronómico 2024 da Coruña recibiu máis de 9.000 visitas nas primeiras horas, e na edición anterior rexistrou 22.000 visitantes e congregou a 200 expositores, 65 poñentes e 30 Estrellas Michelin
Na súa visita ao Galicia Fórum Gastronómico, punto de encontro imprescindible para os profesionais do food service que se celebra do 7 ao 9 de abril na cidade da Coruña, a conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou a oportunidade que supón esta cita para exhibir a calidade dos produtos galegos amparados baixo o selo Galicia Calidade. Lorenzana visitou a cuarta edición deste foro que está considerado como o maior evento gastronómico profesional do norte de España e que, entre o domingo e as primeiras horas do luns, xa visitaron máis de 9.000 persoas, precisou.
Na edición anterior, o Galicia Fórum Gastronómico rexistrou 22.000 visitantes, con 200 expositores, 65 poñentes e máis de 30 Estrellas Michelin reunidos nun mesmo evento.
A conselleira explicou que Galicia Calidade conta cun expositor propio con degustacións, catas e presentacións dos produtos certificados polo selo máis seis empresas da marca que dispoñen dun espazo independente. “Pretendemos poñer en valor os produtos agroalimentarios galegos, a súa excelencia e singularidade e, en particular, a nosa marca Galicia Calidade que quere facer valer no mundo, internacionalizar, os produtos galegos de todo tipo, sendo estes os máis relevantes”, abondou.
Xunto con isto, tamén resaltou a ampla presenza doutros departamentos da Xunta nesta edición. É o caso da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, que ten un mostrador propio e actividades de promoción dos produtos galegos. A Consellería do Mar, que conta cunha aula para realizar catas e dar a coñecer a calidade dos produtos pesqueiros. A de Promoción do Emprego e Igualdade, que está dando a coñecer as fórmulas de economía social neste sector. E Turismo de Galicia, que apoia este evento pola longa tradición que Galicia ten como destino de turismo gastronómico.