Consellería de Economía e Industria

 

  • A directora do Igape encabezou unha reunión de traballo coa delegación brasileira para afondar no investimento e nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos

  • Covadonga Toca agradeceu a mostra de interese de Sebrae no modelo galego e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos

  • Na xuntanza acordouse seguir estudiando vías de colaboración e estreitando as relacións bilaterais para fomentar a expansión internacional das empresas de ambos territorios

  • O encontro contribúe a reforzar a xa destacada relación comercial entre Galicia e Brasil, materializada nos dous últimos anos en exportacións galegas por valor de preto de 170 millóns de euros

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun encontro de traballo con representantes do Sebrae -Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas- na procura de explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración co país suramericano. A reunión permitiu afondar tanto nas posibilidades de investimento como nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos que cada ano promove o Igape, amosando a delegación brasileira un especial interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización de Galicia.

Covadonga Toca agradeceu a Sebrae este mostra de interese e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos, tal e como está a facer Galicia nos mencionados ámbitos.

Así, a directora detallou que o Igape conta con diferentes programas para pemes e autónomos entre os que destacou, no ámbito da internacionalización, as liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, para promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos; ou a liña de xestores de internacionalización, para facilitar a contratación de profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior.

Ademais salientou o papel das antenas do Igape en México, EEUU (Miami), Marrocos, China e Emiratos Árabes, cuxo obxectivo, explicou, é “potenciar as relacións comerciais e incrementar as exportacións das empresas galegas a estes mercados, de cara a identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio á internacionalización”.

Así mesmo, a directora do Igape lembrou outras liñas de actuación, como a nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar a posta en marcha de proxectos centrados na mellora da competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos, ou no eido do emprendemento innovador, a primeira liña específica de apoio ás startups galegas e a rede de business factories, nos ámbitos da automoción, a alimentación ou o aeroespacial.

PRÓXIMOS ACORDOS DE COOPERACIÓN

O encontro permitiu afondar neste tipo de ferramentas e reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións, que se materializa, nos dous últimos anos, en preto de 170 millóns exportados ao Brasil por parte das empresas galegas, facendo deste un dos principais mercados de América no que ás vendas ao exterior da comunidade se refire.

Ao remate da xuntanza, acordouse continuar analizando os temas intercambiados de cara a poder establecer no curto prazo algún acordo de cooperación en asuntos de interese recíproco, que permita estreitar as relacións bilaterais e incrementar as oportunidades das empresas dos dous territorios na súa expansión internacional.

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación define esta cita de referencia do food service do noroeste peninsular como oportunidade para poñer en valor “a excelencia e singularidade” dos produtos agroalimentarios galegos

  • Engadiu ademais que este evento que se celebra ata o 9 de abril contribúe ao obxectivo de seguir avanzando na internacionalización da marca Galicia Calidade

  • O Fórum Gastronómico 2024 da Coruña recibiu máis de 9.000 visitas nas primeiras horas, e na edición anterior rexistrou 22.000 visitantes e congregou a 200 expositores, 65 poñentes e 30 Estrellas Michelin

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións incide na importancia de garantir “seriedade” e “solvencia” nas empresas con interese por adquirir a planta

  • Tamén salienta a transcendencia de que a compañía siga a traballar con normalidade, cumprindo os investimentos comprometidos, para garantir a viabilidade e a competitividade da fábrica nesta fase crave

  • Lorenzana precisa que Xunta e Goberno central coinciden en pedir “concreción” nos prazos do proceso de compravenda e que Alcoa conta ter posibles ofertas vinculantes a mediados de xuño

  • Xunta, Goberno central e Alcoa manterán unha nova xuntanza a vindeira semana, coa intención de comezar o exame de ofertas

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións participou na inauguración do novo equipamento da terminal agroalimentaria de TMGA

  • Na súa intervención apelou ao traballo conxunto de todas as administracións para potenciar Punta Langosteira e para seguir atraendo novos investimentos

  • Ao referirse ao potencial do porto exterior como hub de enerxías renovables, Lorenzana lembrou que a Xunta conta cunha plataforma experimental autorizada a 500 metros de Punta Langosteira para ensaios de enerxías maremotriz e undimotriz

  • E matizou que a Xunta segue pendente do Goberno central para poder tramitar unha segunda zona experimental centrada na eólica mariña, nesa mesma zona, pero 10 kilómetros mar adentro

No acto de inauguración do novo equipamento da terminal agroalimentaria de Terminales Marítimos de Galicia (TMGA), a conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, apelou ao traballo conxunto de todas as administracións para seguir revalidando o carácter estratéxico do porto exterior de Punta Langosteira, tanto como terminal de referencia para o tráfico de mercadorías como hub de enerxías renovables, onde o hidróxeno verde e a eólica mariña teñan un papel significativo.

O novo equipamento da terminal agroalimentaria de TMGA opera como un avanzado sistema automático de descarga que permite transportar a mercadoría desde os buques directamente ata os almacéns nun circuíto pechado. Esta infraestrutura vaille proporcionar un retorno considerable en termos de eficiencia e competitividade, ao tempo que tamén vai ter un impacto positivo nos rexistros de actividade que acada esta terminal portuaria, a primeira dársena de Galicia en volume de mercadorías, apuntou a conselleira.

REFORZO DO SECTOR INDUSTRIAL

Con estas novas instalacións, dixo, “estamos reforzando o porto exterior e estamos reforzando a industria de Galicia”, polo que avogou por seguir na liña de colaboración que manteñen a Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña para seguir atraendo novos investimentos cara á terminal portuaria.

Ao respecto, María Jesús Lorenzana puxo á disposición do tecido empresarial o asesoramento da Oficina Económica de Galicia e remarcou o compromiso do Goberno galego coa desburocratización e cos proxectos de economía verde que revertan os seus beneficios no territorio, a través da sociedade Recursos de Galicia. “Os nosos recursos son a enerxía eólica, a eólica offshore, pero son máis: os recursos mineiros, os agrogandeiros,... temos que aproveitar un potencial que, sen dúbida, nos distingue doutros territorios en España e en Europa”, esgrimiu.

Por outra banda, tamén puxo de manifesto o potencial do porto exterior para converterse nun referente da transición enerxética. Nesta liña, lembrou que a Xunta de Galicia conta cunha plataforma experimental autorizada a uns 500 metros de Punta Langosteira para o ensaio de enerxías maremotriz e undimotriz. Non obstante, tamén indicou que a Xunta segue pendente do Goberno para poder tramitar unha segunda zona experimental dedicada á eólica mariña, tamén nesta contorna, pero 10 kilómetros mar adentro, e nunha zona xa apta para esta fonte de enerxía que tantos retos tecnolóxicos aínda ten por diante, concluíu.

 

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións presentou esta innovadora business factory na asemblea xeral do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec)

  • Lorenzana salienta que ClimaTech, que parte cun orzamento de 6,3 millóns de euros, reforza a aposta de Galicia polo emprendemento innovador

  • Poderán acollerse á nova aceleradora os emprendedores con proxectos innovadores, con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector creando empresas de alto impacto económico, social e ambiental

  • En tres anos apoiará unha selección de 38 proxectos, 5 na fase de incubación, 18 na de aceleración e 15 na de consolidación

  • ClimaTech súmase á rede de aceleradoras verticais e de iniciativas que abranguen todo tipo de actuacións e de localizacións territoriais

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, participou na asemblea xeral de Viratec-Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, onde presentou o acordo de colaboración entre esta organización e a Xunta -a través do Igape, Gain e Xesgalicia- para a posta en marcha da nova Business Factory ClimaTech. Segundo salientou Lorenzana, esta aceleradora de empresas permite reforzar a aposta polo emprendemento innovador da Xunta de Galicia, impulsando novos proxectos nun campo que, tal e como sinalou, “ten infinitas posibilidades no momento actual” e que vai permitir “diversificar e potenciar a economía galega”.

A responsable de Economía, Industria e Innovación, fixo fincapé en que o Goberno galego busca “crear en Galicia un polo de atracción empresarial, un ecosistema que sexa favorable para o emprendemento, a creación e o crecemento das empresas e as sinerxías empresariais”, sinalando que para iso é necesaria a colaboración entre todos os axentes.

ClimaTech permitirá impulsar novos proxectos empresariais en toda a cadea de valor do sector e reforzar a aposta de Galicia pola sustentabilidade ambiental do tecido produtivo. A nova business factory contará cun orzamento de preto de 6,3 M€, dos que a Xunta achegará máis do 95% para desenvolver, durante os próximos tres anos, sucesivas convocatorias de carácter anual que permitirán impulsar 38 proxectos nas fases de incubación (5), aceleración (18) e consolidación (15).

Poderán acollerse emprendedores con proxectos innovadores, con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector das solucións ambientais e da economía circular. Os participantes en ClimaTech contarán con titorizacións e recursos para dar forma ás súas ideas e convertelas en conceptos empresariais; con formación específica adaptada ás necesidades de cada un; ou con talleres grupais impartidos por expertos de prestixio no ámbito nacional e internacional.

Así mesmo, os beneficiarios disporán de titores con experiencia no sector ambiental e outras industrias conexas ao tempo que compartirán actividades conxuntas e gozarán de intercambios internacionais en ecosistemas colaboradores.

CONVOCATORIA EN CINCO FASES

Cada edición do programa organizarase conforme a cinco fases: unha primeira de definición de retos e focalización dos proxectos; outra de lanzamento da convocatoria e difusión; a terceira, centrada na selección dos proxectos con maior potencial de incubación, aceleración e consolidación; unha cuarta que atenderá á execución dos itinerarios; e a última, de seguimento do impacto do programa.

Esta iniciativa forma parte da decidida aposta da Xunta de Galicia por impulsar aceleradoras de empresas, con actuacións que abranguen todo tipo de proxectos e localizacións territoriais. Unha ampla rede na que destacan as aceleradoras verticais no sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), fármacos (BFMedicines) ou no sector da alimentación (BFFood). Completan a rede outras iniciativas como VíaGalicia, emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); así como Galicia Avanza, para a internacionalización de pemes, en colaboración con Tecnópole; ou Turislab, para proxectos turísticos.

  • O DOG acaba de publicar esta nova convocatoria da Consellería de Economía, Industria e Innovación que ten como obxectivo impulsar máis dun centenar de misións en 30 países e dar apoio a 600 pemes

  • A Consellería desenvolve este programa a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, dentro da Estratexia de Internacionalización do Goberno galego

  • A aposta pola proxección exterior das pemes galegas busca aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar a presenza galega nos mercados internacionais e lograr unha maior diversificación sectorial e xeográfica das exportacións

  • As actuacións consisten en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, con apoios que cobren o 70% dos gastos directos, máis un 7% adicional en concepto de axudas aos custos indirectos.

  • Desde o ano 2014 a Xunta ten destinado máis de 14 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes a través de accións en 70 países

  • O obxectivo é aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que suma preto de 2,4 millóns de euros para apoiar accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade na procura de impulsar, durante este exercicio, máis dun centenar de misións en máis de 30 países.

O programa, que desenvolve a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, enmárcase na aposta pola internacionalización do Goberno galego, e aspira a que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores.

Neste contexto, o Plan prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado.

As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios, en réxime de concorrencia non competitiva, do 70% dos gastos directos do proxecto, máis un 7% adicional en concepto de axudas aos custos indirectos.

O obxectivo é aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.

Cómpre salientar que desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 14 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.

NOVO RÉCORD HISTÓRICO EN EXPORTACIÓNS

O Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr o seu récord histórico en exportacións: máis de 30.000 millóns ao peche de 2023.

Deste xeito, a balanza comercial galega reflicte un saldo positivo de 9.138 M€ e continúa sendo positiva cunha taxa de cobertura no conxunto do ano 2023 do 143,7%. Así mesmo, as empresas exportadoras regulares ascenderon ata as 2.693 no último exercicio, o que supón un lixeiro aumento tamén respecto ao ano 2022.

Más artículos…

Página 1 de 20