Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

LORENZANA DESTACA QUE A APOSTA DE BORGWARNER POR SITUAR EN GALICIA O SEU CENTRO DE INVESTIGACIÓN EMOBILITY POSICIONA Á COMUNIDADE NA CARREIRA POR LIDERAR A MOBILIDADE ELÉCTRICA DO FUTURO

— A conselleira de Economía, Industria e Innovación participou en Nigrán na presentación desta infraestrutura, que contará cun apoio da Xunta de 5 millóns de euros, para un investimento total de 20 millóns

— As obras darán comezo nas vindeiras semanas sobre dúas parcelas de 8.500 metros cadrados en Porto do Molle e o futuro centro tecnolóxico dedicará 4.000 metros cadrados a laboratorios e oficinas

— María Jesús Lorenzana lembra que na Lei de acompañamento aos orzamentos da Administración autonómica se inclúen medidas para que os proxectos industriais poidan comezar a súa construción nun prazo dun ano

— A conselleira fai fincapé na importancia de que se acelere a chegada dos fondos europeos Next Generation ao tecido produtivo galego

 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou na presentación do centro de investigación avanzada eMobility de Borgwarner que a aposta da compañía por establecer este laboratorio tecnolóxico en Galicia contribúe a posicionar á Comunidade na carreira por liderar a mobilidade eléctrica do futuro.

Nas vindeiras semanas darán comezo as obras de construción desta infraestrutura na área tecnolóxica do parque empresarial de Nigrán, Porto do Molle, sobre dúas parcelas de máis de 8.500 metros cadrados de superficie. O futuro centro disporá de 4.000 metros cadrados de laboratorios e oficinas, preparados para acoller ata 150 profesionais, 30 deles de nova contratación. O proxecto supón un investimento estimado de 20 millóns de euros, que conta con cofinanciamento da Xunta, cunha partida de 5 millóns de euros que achega a Axencia Galega de Innovación a través da liña de axudas para centros de investigación empresarial.

A responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego subliñou no acto de presentación en Nigrán a aposta pola I+D+i realizada en Galicia por Borgwarner, compañía que conta tamén co Centro Técnico de Vigo e que leva investidos ata a data 8,5 millóns de euros neste sector. Borgwarner centra a súa actividade innovadora no desenvolvemento de novas solucións para a redución de consumo de combustible, de emisións contaminantes ou a mellora do rendemento dos motores, e coa nova infraestrutura afondará no eido da mobilidade eléctrica.

Tal e como subliñou María Jesús Lorenzana, este novo centro vai funcionar como unha entidade aberta a colaborar con outras organizacións: universidades, centros tecnolóxicos, empresas e incluso coa administración pública para o desenvolvemento de iniciativas conxuntas de investigación.

SEGURIDADE XURÍDICA

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, que incidiu en que “entendemos que a competitividade das empresas pasa por ter garantida unha seguridade xurídica en canto á súa implantación”, apuntou que na lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta se inclúe un plan de aceleración e de impulso á industria para garantir que nun prazo dun ano todas as industrias poidan comezar a súa construción, sinalando que tamén se inclúe un plan de empresa e innovación.

Na súa intervención, a conselleira fixo tamén fincapé na importancia de que se acelere a chegada dos fondos europeos ao tecido produtivo, subliñando que moitos proxectos relevantes para a Comunidade requiren dese financiamento.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia