Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A estratexia da Xunta para a atracción, retención e retorno do talento científico centrou en Bruxelas o `I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro´

  • Nesta primeira edición do encontro participaron preto de 50 investigadores de orixe galega que desenvolven a súa carreira científica no exterior

  • O Foro crea un punto de referencia para o intercambio de coñecemento e o fomento de relacións entre o persoal investigador do estranxeiro e o afincado en Galicia

  • Durante o evento déronse a coñecer as iniciativas da Xunta para atraer talento, como o decreto que regula o ámbito laboral dos investigadores ou o Programa Oportunius para consolidar unha carreira científica de excelencia en Galicia

A Xunta de Galicia presentou a súa estratexia para a atracción, retención e retorno do talento científico aos asistentes ao `I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro (FIGAE)´, que se celebrou en Bruxelas organizado por Investigal, a Rede Galega pola Investigación, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación e co apoio da Embaixada de España en Bélxica.

A primeira edición de FIGAE reuniu a preto de 50 investigadoras e investigadores de orixe galega que desenvolven a súa carreira profesional no exterior, co obxectivo de establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo; e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de desenvolver unha carreira na Comunidade. Así mesmo, FIGAE serviu para promocionar a nivel internacional o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta, as universidades galegas e outros axentes, e visibilizar as oportunidades de retorno de talento.

Durante o evento, a Axencia Galega de Innovación participou nunha mesa redonda sobre a estratexia de política científica, xunto a representantes da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo. Nesta intervención déronse a coñecer as distintas iniciativas de atracción do talento do ecosistema galego de I+D+i. Ademais desta mesa redonda, organizáronse outros relatorios como Oportunidades de financiamento do ERC, a cargo de José M. Fernández de Labastida, xefe do Departamento Científico do European Research Council (ERC), e unha charla coloquio sobre igualdade, internacionalización e carreira investigadora.

No transcurso das dúas xornadas de FIGAE leváronse a cabo varias charlas divulgativas sobre os proxectos científicos que desenvolve a comunidade investigadora galega no exterior. A clausura correu a cargo de Felipe Criado, director do INCIPIT (CISC) e Premio Nacional de Investigación, quen explicou os avances do proxecto XSCAPE, un estudo das interaccións entre o cerebro preditivo, os artefactos culturais e a exploración visual, que obtivo unha Synergy Grant.

MARCO LABORAL ESTABLE E ATRACTIVO

Entre as iniciativas que promove a Xunta para a atracción do talento destaca o decreto que regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación nos organismos dependentes da Administración autonómica, unha norma que ofrece un marco laboral estable e atractivo para este colectivo, mellorando e homoxeneizando as condicións destes profesionais e creando unha senda de desenvolvemento profesional para o persoal de investigación.

Así mesmo, o Programa Oportunius ofrece oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia, complementando as axudas do ERC e reforzando as opcións de acceso ás mesmas. Esta iniciativa recibe a colaboración do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde a súa posta en marcha, Galicia conta con 38 proxectos financiados polo ERC, todos eles apoiados polo Programa Oportunius, e dos cales 17 foron contratados como persoal investigador distinguido Oportunius. Ademais, está previsto que a Xunta resolva unha nova contratación e convoque tres prazas máis no marco desta iniciativa na primeira metade de 2024.

O `I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro (FIGAE)´ enmárcase nas actuacións de promoción internacional da marca Galicia, entre as que se inclúe o lanzamento dun plan de comunicación internacional orientado a dar a coñecer as capacidades do ecosistema galego de I+D+i, divulgar os diferentes programas e axudas e pór en valor Galicia como un territorio atractivo para vivir e desenvolver o potencial profesional das persoas.

PARTENARIADOS CON ENTIDADES DE REFERENCIA

Entre estas accións de promoción estanse a establecer partenariados con entidades de referencia que poidan exercer como prescritores fóra de Galicia e que permitan un coñecemento directo das motivacións dos colectivos de interese.

Este é o caso do acordo coa asociación RAICEX (Red de Asociaciones de Investigadores y Científicos Españoles en el Exterior), que aglutina 20 asociacións. Unha colaboración que se plasmou xa na celebración de reunións con representantes de América Latina e na participación da Axencia para presentar o ecosistema galego a dúas asociacións: CERU (Científicos Españoles en Reino Unido); CERFA (Sociedad de Científicos Españoles en la República Federal de Alemania) e CEBE (Científicos Españoles en Bélgica) en Bruxelas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia