Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A Xunta busca potenciar o ecosistema empresarial sobre a base da innovación, dixitalización e sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nunha xornada da 5ª edición da Business Factory Aero tras visitar a sede de 3eData, empresa cualificada como iniciativa de emprego de base tecnolóxica

  • Resaltou que o talento e a innovación son os eixos vertebradores da competitividade empresarial

  • Covadonga Toca lembrou que a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, dos que a metade están en fase de aceleración e 6 na de consolidación

  • Ás business factories que se veñen impulsando en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), farmacia (BFMedicines) e aeronáutica (BFAero), en 2024 sumarase a nova business factory ambiental (Clima-Tech)

 

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou nun encontro de traballo cos 12 promotores dos proxectos da 5ª edición da Business Factory Aero - BFAero, un marco no que puxo en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial.

Neste sentido, a xornada de traballo permitiu destacar a necesidade da cooperación na procura de configurar o mellor ecosistema empresarial posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. “Impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, subliñou Toca Carús.

A directora do Igape destacou que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros 6 na de consolidación, “alentando todo ese talento innovador galego” no ámbito da aeronáutica na procura de facilitar “a súa chegada ao mercado”.

Este campo compleméntase, expuxo, co resto de business factories que se veñen impulsando en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) ou farmacia (BFMedicines), e que medrará este ano coa nova business factory ambiental (Clima–Tech), que atenderá a sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.

VISITA Á TECNOLÓXICA 3eDATA

Antes desta xornada, Covadonga Toca tivo a ocasión de visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica e que posúe o selo de PEME Innovadora do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Esta é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que se constituíu en 2016 co apoio da Fundación CEL e dentro do programa Galicia Emprende do Igape. Centrada na xestión de proxectos do sector agroforestal e ambiental, ten participado en varias iniciativas do Polo Aeroespacial de Galicia, contando co apoio do Igape tamén a través doutros programas como o ReAcciona.

A directora do Igape puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas nese “camiño tan importante a percorrer desde a innovación ata o mercado, do que 3eData é un bo exemplo”, afirmou.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia