Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A VANTAXE COMPETITIVA DE GALICIA REFÓRZASE POLA ESTABILIDADE INSTITUCIONAL, O AUXE DO PIB E DAS EXPORTACIÓNS E O ESCENARIO DE OPORTUNIDADE DOS FONDOS NEXT GENERATION

— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, afirmou na clausura dun foro sobre Xeopolítica e Economía celebrado en Vigo que o obxectivo da Xunta “é trasladar a estabilidade institucional ao plano económico en forma de seguridade xurídica” 

— Con este enfoque, garante que Galicia “seguirá traballando para ofrecer ás empresas galegas o acompañamento necesario para o desenvolvemento da súa actividade”

  — Francisco Conde salienta a posta en marcha de políticas ambiciosas recollidas por lei vinculadas á simplificación administrativa, á priorización de proxectos estratéxicos e ao solo empresarial

— No Foro empresarial Xeopolítica e Economía no contexto da nova globalización lembrou a transcendencia do Corredor Atlántico do Noroeste

— A Comunidade galega aspira a consolidarse como polo enerxético do noroeste e a xerar pegada industrial en sectores como a eólica mariña ou a produción de hidróxeno verde

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanza que Galicia seguirá traballando desde a estabilidade económica para ofrecer ás empresas galegas o acompañamento necesario para o desenvolvemento da súa actividade. Conde interveu hoxe no foro empresarial Xeopolítica e economía no contexto da nova globalización, organizado pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, onde puxo en valor a colaboración público-privada para afrontar os retos do contexto actual.

Segundo dixo, o tecido empresarial demanda axilidade administrativa, a redución de trabas fiscais e burocráticas e un clima favorable ao investimento. En resposta, engadiu, a Xunta traballa por trasladar a estabilidade institucional ao plano económico en forma de seguridade xurídica. E, nesta liña, leva posto en marcha políticas moi ambiciosas recollidas por lei vinculadas á simplificación administrativa, á priorización de proxectos estratéxicos e ao solo empresarial, ademais de reivindicar infraestruturas como o Corredor Atlántico do Noroeste.

Conde recoñeceu que os motivos para o optimismo están, por un lado, nos bos datos da economía galega, que creceu un 3,8% recuperando xa o PIB previo á pandemia, e que bateu un novo récord de exportacións en 2022 superando a barreira dos 30.000 millóns de euros. E, por outra banda, están na oportunidade dos fondos europeos Next Generation. Neste contexto, destacou que Galicia aspira a consolidarse como o polo enerxético do noroeste e a xerar pegada industrial en sectores como a eólica mariña ou a produción de hidróxeno verde.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia