O enxeñeiro ourensán Martín Pérez orientou a súa carreira profesional cara a ciberseguridade e, desde 2017, reside en Eindhoven, un dos grandes núcleos europeos da tecnoloxía e do deseño. Graduouse en Enxeñería Informática na Universidade Politécnica de Madrid, tras realizar os primerios cursos na Uvigo, e fixo o Traballo de Fin de Grao na facultade de Ciencias da Computación e Enxeñería da Eindhoven University of Technology. Debido ás grandes posibilidades laborais que ofrece a urbe de orixe da histórica Philips, xa non precisou mudar de cidade para aplicar no sector empresarial a súa formación. Nos últimos cinco anos acumulou experiencias noutras tantas firmas do ámbito da consultoría informática, como consultor en desevolvemento, seguridade e operacións (DevSecOps) ou como analista de calidade de software. Na actualidade exerce a súa especialidade na multinacional Xebia, na que é consultor de seguridade en Cloud. A cotío traballa para coñecidas compañías de sectores como as finanzas e a automoción, así como para institucións educativas e sanitarias. Martín Pérez detecta que “en Galicia existen posibilidades laborais na informática”, mais a súa percepción é que “a inmensa maioría están centradas puramente no desenvolvemento de software”, polo que escasean os roles máis especializados. O seu plan persoal é retornar “eventualmente” e exercer como consultor “de forma autónoma con base en Galicia”. Con esa visión, considera que o primeiro paso para “ver florecer o emprendemento en Galicia é comezar a promocionar o traballo remoto dende alí. Moitos lugares do mundo con crises demográficas xa estableceron iniciativas para recuperar talento e reactivar as economías locais”, afirma. Polo contrario, a inercia actual fai que España estea a vivir “un centralismo económico que concentra toda a inversión tecnolóxica en núcleos concretos do territorio, vaciando as provincias de persoal formado para levalos a lugares xentrificados, elevando o custo da vida dos locais, e traballando polo desenvolvemento de zonas moi concretas mentras o resto do país cae nunha recesión”, describe o enxeñeiro ourensán. Mentres, interpreta que na fuga de talento xove a vítima non son as xeracións actuais, senón que a verdadeira vítima “é unha sociedade disposta a realizar o esforzo de formar profesionais que logo marchan sen ter a oportunidade de facer rentable a inversión adicada á súa educación”.
© 2023 CleverTIC