Consellería de Economía e Industria
O plan director do sector TIC galego contará cun orzamento de 60 millóns de euros para 2026 e 2027

- A conselleira de Economía e Industria asegura que esta actividade “xa se pode considerar un sector industrial propiamente dito” e lembra que, desde o ano 2020, creceu un 21% en Galicia e xerou 4.000 novos empregos
- Nunha visita ás instalacións da empresa Sixtema, en Santiago, María Jesús Lorenzana adiantou que o borrador do plan director do sector TIC será aprobado no vindeiro Consello da Xunta
- Sinalou que a Estratexia de Innovación que está en elaboración ten como obxectivo que as pemes “vaian incorporando a tecnoloxía nos seus procesos produtivos, na súa forma de comercializar e de facer o produto, e de organizarse”
- No paquete de axudas do Igape publicado no DOG a inicios de ano -e dotado con 181 millóns de euros-, xa está aberto o prazo de solicitude nas liñas Igape Innova (4 M€), Industria Innova (30 M€) e IA 360 (10 M€)
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou que no próximo Consello da Xunta quedará aprobado o borrador do plan director do sector TIC, que vai contar cun orzamento estimado de 60 millóns de euros para os vindeiros dous anos. Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, adiantou esta nova no transcurso dunha visita en Santiago ás instalacións da empresa Sixtema, firma tecnolóxica que definiu como “unha boísima mostra do que significa o sector TIC para a nosa Comunidade autónoma”.
Tal e como indicou a conselleira, este sector “leva aumentando moitísimo o seu peso na economía galega” e “xa se pode considerar un sector industrial propiamente dito”. Desde 2020 rexistrou un crecemento en Galicia do 21 por cento, un auxe que supuxo a entrada de 4.000 novos profesionais, lembrou. “Son traballadores e expertos en tecnoloxías que están facendo que a innovación estea penetrando de maneira moi significativa xa nas empresas galegas”, salientou, para destacar a Estratexia de Innovación que está preparando a Xunta de Galicia con este mesmo obxectivo: que, sobre todo, as pemes “vaian incorporando a tecnoloxía nos seus procesos produtivos, na súa forma de comercializar e de facer o produto, e de organizarse”; para o cal, empresas como Sixtema son fundamentais, subliñou.
María Jesús Lorenzana avanzou que dentro do paquete de axudas do Igape que se publicou no DOG a inicios de ano -por un importe conxunto de 181 millóns de euros-, as primeiras liñas que xa teñen aberto o seu prazo de solicitude son as de innovación: Igape Innova (4 M€), Industria Innova (30 M€) e a que tan boa acollida tivo o ano pasado para intelixencia artificial, IA 360 (10 M€).

























