Consellería de Economía e Industria
Galicia será o primeiro banco de probas en España do programa `Ceo Dixital Europeo´, orientado a modernizar a xestión do tráfico aéreo no continente

- A conselleira de Economía e Industria asinou o memorando de cooperación coa asociación público-privada europea Sesar JU, con sede en Bruxelas
- Galicia convértese na segunda rexión europea en impulsar o programa de `Ceo Dixital´, xunto con Campania (Italia)
- Os desafíos son acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro
- Forman parte da Empresa Común Sesar JU a Unión Europea, Eurocontrol e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica
- María Jesús Lorenzana afirma que “este novo fito” reafirma “as capacidades industriais e de investigación que Galicia ten no ámbito do aeroespazo e que queremos seguir impulsado coa nova Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un memorando de cooperación coa Empresa Común Sesar JU que vai permitir a Galicia converterse no primeiro banco de probas en España do programa para impulsar o “Ceo Dixital Europeo”. En representación da sociedade con sede en Bruxelas interveu no acto de sinatura o seu director executivo, Andreas Boschen.
A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de "Ceo Dixital Europeo”. O seu obxectivo é acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro. Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.
Segundo explicou a conselleira, este memorando asínase no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030 para reforzar a colaboración en materia de investigación e innovación orientada a modernizar a xestión do tráfico aéreo. O acordo, que é o segundo deste tipo que asina Sesar cunha rexión europea despois de Campania (Italia), ten por obxectivo a coordinación de actividades de I+D que contribúan a configurar o “Ceo Dixital Europeo”; é dicir, unha aviación máis segura, intelixente e sustentable.
NOVO FITO EN AEROESPAZO
María Jesús Lorenzana avanzou que, en virtude deste memorando, “Galicia vai servir como banco de probas rexional para solucións innovadoras de tráfico aéreo, aproveitando a sólida base industrial e de investigación que temos”. Sen dúbida, engadiu, “é un novo fito que vén reafirmar as capacidades industriais e de investigación que Galicia ten no ámbito do aeroespazo e que queremos seguir impulsado coa nova estratexia. E é un verdadeiro orgullo saber que todo ese coñecemento vai contribuír ao liderado tecnolóxico de Europa no eido da aviación”, concluíu.
O memorando que vincula a Sesar JU coa rexión italiana de Campania foi asinado en xullo pasado e pretende actuar en tres ámbitos: a elaboración dunha folla de ruta técnica conxunta para armonizar as prioridades de investigación e innovación; a identificación de fontes adicionais de financiación a nivel europeo, nacional e rexional; e a participación de entidades locais, incluidas as pemes e a comunidade educativa, para reforzar a participación nas actividades de Sesar JU.

























