Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O XXXV Salón do Automóbil de Vigo congrega no Ifevi 55 marcas comerciais e as últimas novidades do mercado

  • No acto inaugural, a conselleira de Economía e Industria destacou que o Plan Renova da Xunta contribuíu a que Galicia lidere o incremento de matriculacións en España
  • Lorenzana detallou que en febreiro os concesionarios galegos venderon máis de 2.800 vehículos -31% de subida interanual- e no que vai de ano xa superan as 5.000 unidades
  • Na apertura do Salón vigués considerou fundamental que a regulación dos cambios que está a vivir o sector achegue máis flexibilidade “para que todo este proceso sexa máis gradual para quen fabrica e para quen compra”

Do 4 ao 8 de marzo, Vigo acolle a edición número 35 do seu prestixioso Salón do Automóbil, este ano coa participación de 55 marcas comerciais. Durante cinco días, os entusiastas do motor e os potenciais compradores dalgún dos novos modelos do mercado teñen a súa cita habitual no Ifevi (Instituto Ferial de Vigo), na Avenida do Aeroporto, en Cabral. Nos máis de 20.000 metros cadrados de exposición terán cabida desde os demandados SUV híbridos ou eléctricos ata novidades como o Toyota C-HR Plus, Alpine A390, BMW iX3, Jeep Compass, Renault Clio, Honda Prelude ou o MG ZS. Pero o gran reclamo será un vehículo que aínda non está homologado para a súa venda en Europa, o futurista Tesla Cybertruck.

No acto inaugural do XXXV Salón do Automóbil de Vigo participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen destacou que en febreiro os concesionarios galegos venderon máis de 2.800 vehículos e, no que vai de ano, son xa máis de 5.000 unidades. Partindo destas cifras enxalzou que o plan da Xunta `Renova o teu vehículo´ contribuíu a que Galicia lidere o incremento de matriculacións de turismos en España no mes de febreiro, cun aumento do 31 por cento, catro veces máis que a suba media a nivel estatal, que é dun 7,5 por cento.

Lorenzana apuntou que este Plan autonómico, dotado dun orzamento de 3,5 millóns de euros, esgotou o crédito para particulares, con axudas de ata 4.600 euros, en apenas un mes desde que se convocou o pasado 22 de xaneiro. A diferenza do plan Moves do Goberno central, dixo, é menos burocrático e máis rápido á hora de conceder as axudas que a Xunta paga directamente ao concesionario. Nese sentido, amosou o seu desexo de que se converta nun modelo a seguir cando se aprobe o novo plan estatal Auto Plus.

REGULACIÓN MÁIS FLEXIBLE

Na súa intervención, a conselleira incidiu en que a industria da automoción está nun momento de inflexión, en plena transformación cara á electrificación e as novas tecnoloxías eficientes; clave para a súa competitividade, dixo. Igualmente, considerou fundamental que toda a regulación ao respecto achegue máis flexibilidade para que todo este proceso sexa máis gradual para quen fabrica e para quen compra. E que as Comunidades autónomas teñan máis posibilidades de decidir. Lorenzana concluíu destacando a importancia deste e outros salóns do automóbil, como gran escaparate para chegar ao consumidor, que tamén é partícipe deste cambio cara a unha nova mobilidade.

O programa do XXXV Salón do Automóbil de Vigo inclúe eventos entre os que destaca a XIV Concentración Porsche, que terá lugar o sábado, día 7 de marzo. O horario de apertura do Salón será de 11 da mañá a 8 da tarde.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia