Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana anuncia que o 22 de xaneiro comeza o prazo para solicitar as axudas da Xunta para comprar vehículos eléctricos ou de baixas emisións

  • Nesta edición, o programa de axudas da Adminsitración galega eleva o seu orzamento ata os 3,5 millóns, para contribuír á venda de 1.600 automóbiles eficientes nos concesionarios galegos
  • En comparación co programa estatal Moves, o da Xunta “é menos burocrático porque a Administración autonómica fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente”, matizou María Jesús Lorenzana
  • Subvenciónase a adquisición de vehículos novos -turismos ou furgonetas- con determinadas características de emisións e cun custo inferior ou igual a 42.000 euros, contía ampliable a 47.000 para eléctricos con autonomía superior a 30 kilómetros
  • As axudas poden chegar ata os 4.000 euros, e no caso das familias numerosas ata os 4.600
  • A conselleira de Economía e Industria presentou en Pontevedra o plan `Renova o teu Vehículo´ xunto a representantes de Faconauto

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que o prazo no que se van poder solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións desenvolverase entre o 22 de xaneiro e o 30 de setembro. Lorenzana, acompañada do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e de representantes de Faconauto, detallou no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra que o plan `Renova o teu Vehículo´ incrementa nesta edición o seu orzamento ata os 3,5 millóns de euros, coa previsión de contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes, con axudas de ata 4.000 euros que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas.

A conselleira quixo poñer en valor que se trata dunha iniciativa que conta co recoñecemento da federación de concesionarios en España (Faconauto), que o pasado mes de marzo outorgou á Xunta de Galicia o seu `Premio Compromiso´ polo impacto social deste programa. A titular de Economía e Industria da Xunta lembrou, nese sentido, que unha das principais vantaxes do `Renova o teu Vehículo´ con respecto ao Moves estatal é que é “menos burocrático” porque a Administración autonómica fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente. Ademais, os apoios danse en función das emisións e non do tipo de motor.

“Reiteramos en múltiples ocasións que se copie o plan de Galicia” recoñeceu, porque, segundo dixo, facilita á cidadanía a adquisición do vehículo, é máis sinxelo e para os concesionarios resulta tamén un incentivo para que poidan aumentar as súas vendas. “É o que estamos buscando: que en toda a cadea de valor vaiamos fomentando o vehículo moito menos contaminante”, concluíu.

Este programa subvenciona a adquisición de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran unhas determinadas características de emisións e que teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros (impostos incluídos). Esta contía amplíase ata os 47.000 euros (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 kilómetros en modo eléctrico, e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.

Para poder acceder a estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos se se trata dun turismo, ou de 5 anos se é unha furgoneta. Un particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10 unidades.

AFORRO ENERXÉTICO ANUAL DE 350.000 LITROS DE GASÓLEO

A Xunta agarda que estes apoios favorezan a mobilización directa de 37 millóns de euros, así como un aforro enerxético anual equivalente a preto de 350.000 litros de gasóleo. Esta convocatoria da Xunta complementa o programa estatal `Moves III 2025´, con axudas para vehículos eléctricos e infraestrutura de recarga. A Administración autonómica vén de ampliar os fondos en 14 millóns de euros coa previsión de dar resposta a todas as solicitudes recibidas en 2025.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia