Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A conselleira de Economía e Industria reclama ao Goberno central unha rede de transporte eléctrica á altura dos proxectos industriais de Galicia, e de evacuación de enerxía renovable

  • María Jesús Lorenzana lembrou que no 2025 o Executivo central debería ter convocado e adxudicado o concurso para o nó de transición xusta das Pontes, e nin sequera está construída a subestación

  • No transcurso dunha intervención no Parlamento, preguntou ao Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico onde están os 1.400MW de evacuación do nó das Pontes

  • Rexeita que o Goberno de España decretase o peche das centrais térmicas sen acompasar os prazos de implantación das infraestruturas e proxectos, e sen garantir “unha transición xusta, ordenada e simplificada” para os traballadores e os territorios afectados

  • Como contrapunto, Lorenzana explicou que a Xunta xa presentou propostas ao Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026 e reforzou esas peticións con reunións e comunicacións escritas ao Goberno central

No transcurso dunha intervención no Parlamento galego para dar resposta a unha pregunta oral sobre as medidas a desenvolver respecto ao nó de transición xusta das Pontes, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu reclamar ao Goberno central unha rede de transporte eléctrica capaz de atender as demandas dos proxectos industriais de Galicia e de evacuación de enerxía renovable. Remarcou que “seguiremos reclamando que nos traten igual que a outras Comunidades e que se garanta que a implantación dos proxectos de xeración eléctrica renovable non vai estar condicionada pola inexistencia de infraestruturas de interconexión eléctrica”.

A conselleira de Economía e Industria destacou que “estamos case no 2025, cando xa tería que estar convocado e adxudicado o concurso para o nó de transición xusta das Pontes e non o está, e tampouco a subestación anunciada”, insistiu. E nesa mesma intervención parlamentaria engadiu: “Ademais de chegar tarde habería que preguntarlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico onde están os 1.400MW de evacuación do nó das Pontes que había para a evacuación da central térmica porque tras o peche, a capacidade de acceso dispoñible do nó é de 0 MW”, afirmou.

Nesta liña, criticou que o Executivo central decretase o peche das centrais térmicas sen acompasar os prazos de implantación das infraestruturas e dos proxectos no lugar de facer unha transición xusta, ordenada e simplificada. “Debían garantir a transición xusta para as traballadoras e traballadores e para os territorios afectados”, dixo.

OBRAS CLAVE EXCLUÍDAS

María Jesús Lorenzana explicou que pola súa banda, a Xunta xa presentou propostas ao Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2021-2026 e reforzou esas peticións con reunións e comunicacións escritas ao Goberno central, “mentres que o Estado deixou fóra obras clave e outras foron atendidas parcialmente”, sinalou.

Finalmente, puxo en valor a necesidade de desenvolver unha rede de transporte, e subliñou: “Levámolo reclamando anos de forma insistente como algo esencial para o desenvolvemento económico, industrial e enerxético de Galicia”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia