Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A liña de axudas do Inega para instalación de paneis fotovoltaicos en edificios públicos, entidades sociais e empresas suma 145 proxectos, 34 deles promovidos por concellos

  • Os apoios materializados nas dúas últimas edicións dispuxeron dun orzamento de 12 millóns de euros, detallou María Jesús Lorenzana
  • A conselleira de Economía e Industria visitou en Tomiño o CEIP Pedro Caselles Beltrán, que conta na súa cuberta con 35 paneis fotovoltaicos para autoconsumo renovable

A liña de axudas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios públicos, entidades de iniciativa social e empresas leva permitido desenvolver 145 proxectos, máis dunha trintena deles promovidos por concellos, detallou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, no transcurso dunha visita realizada en Tomiño (Pontevedra) ao CEIP Pedro Caselles Beltrán, beneficiario desta orde de apoios xunto co CEIP Plurilingüe de Barrantes. Neste acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila.

Na cuberta do CEIP Pedro Caselles Beltrán foron instalados 35 paneis fotovoltaicos, e na do CEIP de Barrantes un total de 20, cun apoio da Xunta que superou os 20.000 euros. Lorenzana explicou que esta infraestrutura de autoconsumo renovable permítelles aos centros, por unha banda, aforrar enerxía e, por outra, limitar ou evitar a dependencia da rede eléctrica tradicional.

A conselleira resumiu que esta liña de axudas para entidades locais de Galicia, entidades sen ánimo de lucro, e para pemes e autónomos, mobilizou nas dúas últimas edicións un orzamento de 12 millóns de euros. Un dos 34 proxectos de instalación fotovoltaica promovidos por concellos ao amparo destes apoios do Inega é o do CEIP Pedro Caselles Beltrán, que foi impulsado polo Concello de Tomiño.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia