Consellería de Economía e Industria
As axudas para o fomento da sustentabilidade e a seguridade no sector mineiro galego, dotadas con 2,5 millóns, poderán solicitarse ata o 24 de agosto

- Nunha visita ao concello da Merca (Ourense), o director xeral de Planificación Enerxética e Minas remarcou o compromiso da Xunta co desenvolvemento dunha minaría sustentable e segura, en liña cos obxectivos da Axenda de impulso da minaría de Galicia
- A convocatoria, que consta de cinco liñas de apoio, cobre desde investimentos para mellorar as condicións laborais e reducir a exposición ao po ata apoios para a implantación, seguimento ou renovación das normas de certificación en minería sustentable, entre outras actuacións
- As axudas poden alcanzar os 150.000 euros, cunha intensidade máxima de ata o 65% do investimento subvencionable no caso de pemes, do 55% nas medianas empresas e do 45% nas grandes empresas
Nunha visita á localidade ourensá de A Merca, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, remarcou o compromiso da Xunta co desenvolvemento dunha minaría sustentable e segura, en liña cos obxectivos que marca a Axenda de impulso da minaría de Galicia. Reafirma este compromiso co sector a nova convocatoria da liña de axudas do Goberno galego destinada a esta actividade industrial vinculada aos recursos naturais e cuxo prazo de solicitude rematará o vindeiro 24 de agosto.
As axudas da Consellería de Economía e Industria, que se outorgarán por concorrencia competitiva, están destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro, como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou que conten con algún centro de traballo en Galicia.
CINCO LIÑAS DE AXUDAS
O programa consta de cinco liñas de axudas: para investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira; para mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde; para a redución da exposición ao po no sector da rocha ornamental; para a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética, especialmente, por parte de empresas de envasado de augas minerais e de explotación de balnearios; e para procesos de certificación.
As citadas axudas oscilan entre os 150.000 e os 3.000 euros. Na maior parte das liñas, a intensidade máxima cobre ata 65 por cento do investimento subvencionable no caso de pequenas empresas; o 55 por cento, para medianas empresas; e o 45 por cento se se trata de grandes empresas. O crédito da convocatoria ascende a 2,5 millóns de euros.
No transcurso da visita á localidade da Merca, Fernández Vila visitou a empresa Granitos Excavaciones y Construcción, que resultou beneficiaria destes apoios en anteriores edicións. Concretamente, as axudas recibidas permitíronlle incorporar unha nova pulidora e un banco de corte con inxección de auga, polo que o director xeral de Planificación Enerxética e Minas animou ás empresas do sector a participar nesta nova convocatoria que busca reducir o impacto ambiental da activade, ao tempo que achega maior seguridade ao persoal.
























