Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza que Galicia contará este ano coa primeira Estratexia de Innovación Empresarial, que mobilizará 400 millóns de euros

  • A conselleira de Economía e Industria afirma que esta nova planificación nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de fortalecer e facer crecer ás empresas xa establecidas en Galicia, ás de nova creación e ás do exterior
  • “O éxito dun ecosistema innovador non se mide unicamente polo número de startups que crea; mídese pola súa capacidade para transformar o conxunto da economía”, aseverou a conselleira
  • O Informe Empresas Tech Galicia 2026 constata que a Comunidade conta con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras, que xeran máis de 5.700 empregos cualificados e facturan en torno a 550 millóns de euros

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou que a Xunta aprobará este mesmo ano a que será a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que vai mobilizar 400 millóns de euros e que buscará “consolidar un modelo de crecemento para toda a economía galega”. Na súa intervención no II Foro de Innovación e Emprendemento organizado pola APD, no que apuntou que esta estratexia busca vincular o ecosistema galego de innovación coa industria, Lorenzana fixou como folla de ruta “que a I+G+i transforme realmente a empresa galega; e que esa fórmula dea como resultado novos proxectos empresariais que permanezan no tempo e axuden a transformar a economía”.

Segundo dixo, a Estratexia nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de “facer que a innovación impacte” para “que as empresas que xa están aquí poidan crecer e fortalecerse; para que as que están fóra poñan a vista no noso territorio; e para que as que nacen en Galicia poidan converterse no futuro en grandes empresas”, abondou.

“Temos claro que a empresa en Galicia ten que gañar tamaño e necesita, polo tanto, de todas as ferramentas innovadoras posibles”, asegurou, para resaltar a continuación que “necesitamos que incorporen a intelixencia artificial, tecnoloxías avanzadas, que a transferencia de coñecemento sexa cada vez máis rápida e que con iso as startups atopen aquí máis oportunidades de colaborar coa industria”.

María Jesús Lorenzana puxo en valor os datos do Informe Empresas Tech Galicia 2026, que confirma que Galicia conta xa con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras, que xeran máis de 5.700 empregos cualificados e unha facturación próxima aos 550 millóns de euros. Nesta liña, agradeceu o traballo de toda a rede de aceleradoras que a Xunta ten en marca e das moitas entidades que colaboran co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) no seu desenvolvemento.

“O éxito dun ecosistema innovador non se mide unicamente polo número de startups que crea; mídese pola súa capacidade para transformar o conxunto da economía”, reiterou a conselleira, para concluír destacando a importancia de que as Administracións saiban anticiparse, estar preparadas e “ser o motor económico dos avances que se van producindo”, porque iso é o que fai un territorio competitivo, asegurou.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia