Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana destaca o éxito da liña de axudas para certificacións no sector da defensa, ao quedar esgotado nun mes máis da metade do orzamento de 1,5 millóns

  • A conselleira de Economía e Industria presentou en Santiago o Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI)
  • No acto asegurou que “Galicia ten que estar aí, entre as empresas que demandan máis traballadores, que xeran máis economía e emprego industrial” nun sector no que “non é unha utopía pensar que podemos lograr un desenvolvemento industrial importante”

A conselleira de Economía e Industria enxalza que a liña de axudas para certificacións no sector da defensa xa recibiu en menos dun mes, desde que abriu o pasado 13 de febreiro, 22 solicitudes que suman máis da metade do seu orzamento de 1,5 millóns de euros. María Jesús Lorenzana, acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou na presentación do Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, cofinanciado pola Xunta e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI), en colaboración ademais coa Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE).

Segundo indicou a conselleira, Galicia é a primeira Administración do Estado que subvenciona un curso formativo destas características para profesionais e directivos de empresas galegas con potencial de acceso ao sector da defensa, participantes ou aspirantes a concorrer a programas europeos, consorcios internacionais ou proxectos duais que queiran coñecer polo miúdo a súa gobernanza, sistemas de financiamento ou a súa estrutura contractual. Celebrarase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago, entre abril e setembro deste ano, cun formato presencial e en liña. Como docentes intervirán expertos coñecedores do sector da defensa e a seguridade, xa sexa desde o ámbito institucional ou desde o empresarial. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 9 e o 23 de marzo na páxina web da EOI (https://www.eoi.es/).

Con respecto á liña de certificacións, ofrece axudas máximas de ata 75.000 euros para aquelas empresas que buscan posicionarse como subministradoras no sector da defensa. Teñen que cumprir cuns requisitos básicos de certificacións, homologacións ou cualificacións necesarias. “O noso interese está en facilitar que as empresas teñan esa capacidade para dar o salto ao sector da defensa”, afirmou María Jesús Lorenzana, para subliñar a continuación que “Galicia ten que estar aí, entre esas empresas que demandan máis traballadores, que xeran máis economía e emprego industrial neste sector” no que “non é unha utopía pensar que podemos lograr un desenvolvemento industrial importante”, asegurou. Ao respecto, sinalou que “a formación é un elemento que ten que estar en toda esta estratexia”.

Lorenzana aproveitou este contexto para poñer en valor que “Galicia está nun moi bo momento industrial”. Así, salientou que o emprego na industria está en cifras récord, con 192.300 persoas ocupadas e un crecemento que xa supera en case catro puntos a media de España. E tamén destacou que a Comunidade vén de rexistrar a segunda maior suba da produción industrial en xaneiro en España, cun 1,9 por cento que contrasta coa caída a nivel estatal (-2,7 por cento).

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia