Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta pon en valor a achega da emigración galega ao desenvolvemento socioeconómico da Comunidade

  • No Encontro Internacional de Galegos no mundo, organizado por Aegama na Toxa, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración definiu a Estratexia Galicia Retorna como “referente europeo” en políticas públicas de emigración e retorno
  • José González destacou a contribución de entidades como Aegama na unión da experiencia internacional coas raíces galegas, e no fortalecemento das relacións económicas entre Galicia e a súa diáspora
  • No encontro anual da Toxa foron distinguidos o fundador e presidente de Ecoener, Luis de Valdivia, e o socio director de Alsis Funds, David Sánchez-Tembleque

 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo de relevo o papel da emigración galega no desenvolvemento socioeconómico de Galicia, o que contribuíu, segundo subliñou, a que hoxe sexa unha terra de oportunidades para os galegos do exterior que desexen retornar e achegar o seu talento ao tecido produtivo da súa Comunidade de orixe. Así o sinalou durante a clausura do Encontro Internacional de Galegos no mundo, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) na Illa da Toxa, onde tamén lembrou que máis de medio millón de galegos residen no exterior.

En relación ao apoio do Goberno galego ao retorno, explicou que se materializa na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que abarca máis de 100 medidas de axuda e acompañamento e que está dotada con 450 M€ para facilitar que milleiros de galegos poidan volver e desenvolver na Comunidade o seu proxecto de vida. Isto, engadiu, converte esta folla de ruta nun referente europeo en políticas públicas no ámbito da emigración e do retorno.

TALENTO EMPRESARIAL GALEGO

Ademais, José González destacou o papel clave de entidades como Aegama na unión da experiencia internacional coas raíces galegas e no fortalecemento das relacións económicas entre Galicia e a súa diáspora. Ao mesmo tempo, trasladou o apoio da Xunta ao seu labor e recoñeceu o talento empresarial galego no exterior como valor engadido para a rexión.

Este encontro anual organizado por Aegama é un foro estratéxico que busca tender pontes comerciais, crear alianzas e fomentar negocios transnacionais entre a comunidade galega global. Con ese obxectivo, inclúe distintas mesas redondas nas que se tratan temas relacionados co tecido empresarial galego e a súa internacionalización e reúne a destacadas figuras do ámbito institucional e empresarial. Entre outras persoas, nesta edición tamén participaron a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.

Ademais, no marco deste encontro, Aegama fixo entrega dos seus recoñecementos á traxectoria de líderes empresariais orixinarios de Galicia, nunha gala na que participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Neste contexto, o conselleiro aproveitou a súa intervención para felicitar aos premiados: ao fundador e presidente de Ecoener, Luis de Valdivia, recoñecido como Empresario Galego do Ano en Galicia, e ao socio director de Alsis Funds, David Sánchez-Tembleque, galardoado co premio Empresario Galego do Ano no Exterior.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia