Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda analizou co novo embaixador do Uruguai os retos do acordo comercial entre a UE e o Mercosur nos principais sectores exportadores

  • Neste encontro, no que participaron os conselleiros María Jesús Lorenzana e José González, o presidente da Xunta trasladoulle a Bernardo Greiver o interese polo reforzo das relacións comerciais, culturais e turísticas
  • Está previsto potenciar a promoción das rutas xacobeas no país suramericano, con iniciativas como a Semana do Camiño
  • Unhas 280 empresas galegas exportan os seus produtos ou servizos ao Uruguai, cun volume de negocio que en 2025 alcanzou os 20,5 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co novo embaixador do Uruguai en España, Bernardo Greiver del Hoyo, a quen trasladou o interese do Goberno autonómico por reforzar as relacións comerciais, culturais e turísticas entre ambos territorios. Na xuntanza, na que estivo acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avaliáronse as oportunidades que O Uruguai ofrece ao tecido empresarial galego, con 280 empresas que exportan a este país latinoamericano -máis dun cento de xeito regular- e cun volume de negocio de 20,5 millóns de euros no 2025.

Ademais, Rueda e o embaixador analizaron os retos que supón o acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur para os principais sectores exportadores como a automoción, o agroalimentario, o biotecnolóxico ou o metalmecánico. Así mesmo, abordaron o actual conflito entre o estaleiro vigués Cardama e o Goberno do Uruguai ante a decisión deste último de rescindir de xeito unilateral o contrato para a construción de dúas patrulleiras.

O presidente da Xunta e o embaixador do Uruguai acordaron tamén seguir colaborando en materia de turismo co obxectivo de promover especialmente as rutas xacobeas neste país. Nesta liña, está previsto celebrar este ano a Semana do Camiño no Uruguai, que incluirá exposicións de fotografías e unha mostra de cine vencellado a esta ruta de peregrinación.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia