Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta pide ao Goberno central que aborde de forma urxente coas comunidades o impacto do conflicto en Oriente Medio para activar as primeiras medidas de apoio ás empresas

  • Lorenzana remarcou á finalización da reunión da Mesa de Apoio Loxístico á Empresa, convocada polo Igape, que a principal preocupación dos sectores afectados é a suba dos custos loxísticos e dos carburantes
  • A conselleira de Economía e Industria considera “crucial que o Goberno se reúna coas comunidades autónomas e expoña as súas propostas, tendo en conta que España forma parte, conversa e decide no bloque comercial único que é a UE”
  • Na primeira reunión da Mesa púxose de manifesto que a situación internacional está a provocar reaxustes nas rutas marítimas, incrementos nos fretes e a aplicación de recargos vinculados ao contexto internacional
  • Tamén se advertiu dun aumento da conxestión portuaria e da necesidade de reforzar os stocks, ante posibles incumprimentos nos prazos de entrega por parte das navieiras
  • O Igape realizará unha toma de datos nos vindeiros quince días, con aportacións desde a súa antena en Dubai, que permanece operativa, e xa está a monitorizar a situación e os efectos do conflicto nos sectores prexudicados

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou unha reunión urxente co ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, para abordar coas comunidades autónomas o impacto económico que está a ter o conflito en Oriente Medio e poñer en común problemáticas e posibles apios ás empresas exportadoras. “Cremos que o ministro debería estar xa convocando ás comunidades autónomas para coñecer de primeira man como están os sectores en cada territorio e, tamén, para propoñer as primeiras medidas”, afirmou Lorenzana. Ademais engadiu que aínda que é cedo para saber a medio prazo cales poden ser as consecuencias, a principal preocupación está na suba dos custos loxísticos que están asumindo as empresas, así como nos prezos dos carburantes.

A conselleira fixo estas valoracións logo de celebrarse a reunión da Mesa de Apoio Loxístico á Empresa convocada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e na que participaron representantes dos clústers da automoción (Ceaga), da Función Loxística de Galicia, do sector téxtil (Cointega), da industria metalúrxica (Asime), do sector alimentario (Clusaga) e o Clúster do Granito. Segundo explicou Lorenzana, a partir de agora a Xunta vai facer unha toma de datos durante quince días e vai monitorizar a situación dos distintos sectores para volver convocar outra xuntanza. Mentres, insistiu, é “crucial” que o Goberno se reúna coas comunidades autónomas e expoña cales son as súas propostas, tendo en conta que España “forma parte, conversa e decide no bloque comercial único que é a UE”.

REAXUSTES NAS RUTAS, RECARGOS E CONXESTIÓN PORTUARIA

Durante o primeiro encontro da Mesa de Apoio Loxístico púxose de manifesto que a situación internacional está a provocar reaxustes nas rutas marítimas, incrementos nos fretes e a aplicación de recargos vinculados ao contexto internacional, factores que están a encarecer o transporte internacional mesmo en rutas afastadas da zona do conflito. Tamén se advertiu dun aumento da conxestión portuaria e da necesidade de reforzar os stocks, ante posibles incumprimentos nos prazos de entrega por parte das navieiras.

Desde o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), advertiuse da preocupación pola volatilidade dos prezos e polo encarecemento da enerxía, mentres que Ceaga, o Clúster da Automoción de Galicia, indicou que polo momento non se detecta un impacto directo na cadea de subministración, aínda que existe incerteza pola evolución do contexto internacional.

Pola súa banda, Cointega, o Clúster Téxtil Moda Galicia, destacou a relevancia de Oriente Medio para o sector e a posibilidade de que o conflito xere sobrecustos loxísticos ou alteracións nas cadeas de aprovisionamento. Así mesmo, Asime e o Clúster do Granito advertiron do impacto do incremento dos custos enerxéticos e das materias primas, así como das posibles repercusións nos proxectos internacionais e nas operacións comerciais na rexión.

Na xuntanza tamén se compartiu información trasladada polo director da antena do Igape en Dubai, que achegou datos directos sobre a evolución da situación económica e empresarial na rexión. A antena do Igape continúa ademais plenamente operativa e realiza un seguimento continuo da actividade empresarial na zona.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia