Consellería de Economía e Industria
A Casa de Galicia en Madrid acolle a primeira sede da Oficina Económica situada fóra da Comunidade galega

- Foi inaugurada polo presidente da Xunta, quen destacou que este novo punto de atención terá como dobre misión prestar asesoramento ás empresas galegas radicadas na capital de España e captar investimentos
- Alfonso Rueda enxalzou que esta apertura contribuirá á expansión económica e comercial de Galicia e lembrou que “concentrará nunha mesma canle” todos os recursos das diferentes consellerías e organismos da Xunta
- No acto de inauguración recordou que Galicia é un bo destino para o investimento “pola súa estabilidade política, por contar cunha Administración autonómica que ofrece garantías á iniciativa privada e pola boa marcha da súa economía”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou en Madrid a primeira sede da Oficina Económica de Galicia que abre fóra da Comunidade autónoma e que está situada nas dependencias da Casa de Galicia, no distrito Retiro. Este novo punto de atención servirá tanto para prestar asesoramento ás empresas galegas que están radicadas na capital de España, como para captar novos investimentos. Así o sinalou durante a presentación deste novo servizo, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Rueda enxalzou que esta apertura contribuirá á expansión económica e comercial da Comunidade, dado o importante número de empresas de orixe galego que traballan en Madrid e o dinamismo dos axentes económicos da capital.
A Oficina Económica de Galicia é un novo servizo que botou a andar en 2024 co obxectivo de simplificar e desburocratizar a atención a empresarios e emprendedores, concentrando nunha mesma canle de atención todos os recursos de diferentes consellerías e organismos da Xunta. Ademais, a través dela ofrécese asesoramento e orientación personalizada para garantir a boa marcha dos proxectos, tanto dos que botan a andar como dos que buscan ampliarse ou internacionalizarse.
Son servizos que a partir de agora tamén se prestarán na oficina de Madrid, que ademais traballará para dar visibilidade ao potencial económico da Comunidade autónoma. Neste sentido, no acto de inauguración Alfonso Rueda fixo fincapé en que Galicia é un bo lugar para investir pola súa estabilidade política, por contar cunha Administración autonómica que ofrece garantías á iniciativa privada e pola boa marcha da súa economía, coas cifras do paro en mínimos históricos e as exportacións batendo récords, entre outros datos positivos.

























