Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A planta de carbón vexetal de Xeal, en Dumbría, supón “o inicio dunha nova e ilusionante etapa” no sector enerxético galego, asegura Alfonso Rueda

  • O presidente da Xunta participou coa conselleira de Economía e Industria no acto simbólico de colocación da primeira pedra da futura fábrica
  • Rueda define a central de carbón vexetal como “exemplo da Galicia industrial, sostible e competitiva que promove o Executivo autonómico”
  • O proxecto, no que Xallas Electricidad y Aleaciones e Energo-Pro prevén investir 23 millóns, foi declarada pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para simplificar e axilizar os trámites administrativos
  • Na Comunidade xa hai un total de 17 iniciativas que contan coa declaración de PIE, cun investimento conxunto de case 3.000 millóns e coa previsión de crear máis de 4.700 empregos
  • A sociedade mixta Recursos de Galicia, participada pola Xunta, está a poñer en marcha unha comercializadora galega con prezos reducidos para particulares e empresas nas zonas onde se instalen novos parques eólicos

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou a futura planta de carbón vexetal de Xallas Electricidad y Aleaciones (Xeal) e Energo-Pro, en Dumbría, como “exemplo da Galicia industrial, sostible e competitiva que promove o Executivo autonómico”. Durante o acto simbólico de colocación da primeira pedra da fábrica, Rueda afirmou que supón o inicio dunha “nova e ilusionante etapa”, un exemplo de “aproveitamento das novas tecnoloxías para seguir respectando o medio ambiente”, combinando “tradición cos últimos avances”, e agradeceu ás compañías que seguen apostando por medrar na Comunidade galega.

O titular do Goberno galego salientou a importancia da cooperación entre as Administracións públicas para atraer proxectos que xeran riqueza. Neste sentido, cómpre salientar que a Xunta traballa para atraer investimentos industriais estratéxicos á Comunidade, aproveitando como unha das vías a simplificación administrativa con figuras legais como a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).

A futura planta de carbón vexetal de Xeal, na que a empresa prevé investir 23 millóns de euros, conta con esa declaración, o que permitiu acelerar e reducir os trámites para a posta en marcha da iniciativa. Na actualidade, hai 17 proxectos empresariais declarados PIE en Galicia, que suman un investimento previsto de case 3.000 millóns de euros e que prevén xerar máis de 4.700 empregos.

GALICIA, POTENCIA ENERXÉTICA

O 84% da enerxía que se produce na Comunidade xa procede de fontes renovables e o titular do Executivo autonómico destacou o compromiso da Xunta en seguir consolidando Galicia como referente das enerxías verdes, “as enerxías do futuro”, á vez que se garante “a preservación da nosa contorna”, repercutindo tamén no territorio parte da riqueza xerada polo uso dos recursos naturais.

O principal obxectivo da Lei de recursos naturais, aprobada en 2024, é precisamente facer compatible a xestión responsable dos recursos coa xeración de riqueza na contorna. A sociedade mixta Recursos de Galicia, participada pola Xunta, está a poñer en marcha unha comercializadora galega que venda enerxía a prezos reducidos a particulares e empresas das zonas onde se instalen novos parques eólicos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia