Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A nova aceleradora Business Factory Energy traza como obxectivo o reforzo da colaboración entre Administración, empresas e entidades sectoriais

  • Un encontro coas empresas tractoras e con Asime e Cluergal definiu as liñas estratéxicas para acelerar startups e proxectos innovadores, facilitando a súa conexión co mercado e coas necesidades reais do sector enerxético
  • Covadonga Toca, directora do Igape, salientou o excelente momento que vive o ecosistema galego de innovación e a aposta da Xunta por reforzar a conexión entre coñecemento, empresa e industria
  • A BF Energy amplía a Rede Business Factory da Xunta, que xa acumula máis de 375 proxectos impulsados, unha taxa de supervivencia do 95% e máis de 1.400 empregos cualificados

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, mantiveron un encontro de traballo con empresas tractoras do sector enerxético no marco da posta en marcha da Business Factory Energy (BF Energy), a nova aceleradora especializada impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con Asime e Cluergal. Na súa intervención, Covadonga Toca puxo en valor o excelente momento que vive o ecosistema galego de innovación e destacou a aposta da Xunta por reforzar a conexión entre coñecemento, empresa e industria. Neste sentido, lembrou que Galicia está a culminar a súa nova Estratexia de Innovación Empresarial 2026-2028 e subliñou que a Rede Business Factory constitúe un dos mellores exemplos dun modelo de aceleración especializada que, ao longo da última década, permitiu impulsar centos de startups e proxectos innovadores e consolidar un ecosistema empresarial cada vez máis competitivo.

Pola súa banda, Pablo Fernández Vila destacou o papel estratéxico da transición enerxética como unha das grandes oportunidades de desenvolvemento industrial para Galicia. Así, sinalou que a Business Factory Energy nace co obxectivo de identificar e acelerar proxectos innovadores capaces de dar resposta aos desafíos do sector, favorecendo a colaboración entre startups, empresas tractoras, centros tecnolóxicos e o conxunto da cadea de valor da enerxía.

No marco do encontro, Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, e Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, presentaron as liñas estratéxicas da Business Factory Energy, os principais retos identificados para a súa primeira convocatoria e o modelo de colaboración coas empresas tractoras. Estas desempeñarán un papel clave na identificación das necesidades do sector, na orientación dos proxectos e na validación das solucións desenvolvidas polas futuras startups participantes.

A sesión completouse cun coloquio de traballo no que representantes das empresas tractoras achegaron propostas e reflexións para contribuír á definición dos retos tecnolóxicos e empresariais que orientarán a primeira edición da BF Energy.

ACELERADORAS DE NOVA XERACIÓN E ESPECIALIZACIÓN

A Business Factory Energy forma parte da nova xeración de aceleradoras especializadas impulsadas pola Xunta de Galicia para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores en sectores estratéxicos, favorecer a creación de novas empresas de base tecnolóxica e reforzar a competitividade do tecido industrial galego. A Rede Business Factory da Xunta suma xa máis de 375 proxectos impulsados, cunha taxa de supervivencia do 95% e coa creación de máis de 1.400 empregos cualificados.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia