Consellería de Economía e Industria
A nova Estratexia de Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030 fixa como obxectivos aumentar nun 20% os empregos no sector e nun 15% os investigadores, ata acadar os 1.600

- Rueda sinalou que outros retos son ampliar ata 200 as entidades e empresas que operan en Galicia, incrementar nun 30% a facturación anual e duplicar o investimento privado
- Na presentación da nova Estratexia de Biotecnoloxía, o presidente da Xunta asegurou que Galicia xa conta cun sector sólido e maduro e que, con esta folla de ruta, búscase converter á Comunidade nunha biorrexión referente en Europa
- Actualmente o sector engloba en Galicia 162 empresas -das que máis de 60 son 100% biotecnolóxicas-, 5.600 traballadores e unha facturación anual de 2.000 millóns de euros
- A Estratexia 2026-2030 conta cun orzamento de 805 millóns de euros e inclúe axudas directas para proxectos de I+D+i en biotecnoloxía, unha aceleradora de empresas e o Biopolo da Sionlla, en Santiago
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou que entre os obxectivos principais da nova Estratexia da Biotecnoloxía en Galicia está incrementar nun 20% os empregos no sector para chegar aos 7.000 no ano 2030, así como ampliar nun 15% o número de investigadores neste eido e acadar os 1.600. Durante a presentación da Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; e pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o titular do Goberno galego definiu o documento como “unha visión compartida de país”, as “vimbias para facer este gran cesto do que vai ser o horizonte biotecnolóxico de Galicia os próximos cinco anos”.
Rueda tamén asegurou que a biotecnoloxía é un eido con moito futuro, apostando pola colaboración público-privada para avanzar cara unha Galicia “máis forte, sostible e competitiva”, e convertendo á Comunidade “nunha biorrexión referente en toda Europa”.
Ademais de incrementar o número de traballadores e investigadores do sector, a Estratexia -dotada dun orzamento de 805 millóns de euros- ten a meta de ampliar ata 200 as entidades e empresas que operan en Galicia, incrementar un 30% a facturación anual, duplicar o investimento privado e consolidar a internacionalización con novos mercados.
Para iso, a folla de ruta cara o ano 2030 inclúe axudas directas para proxectos de I+D+i en biotecnoloxía, unha aceleradora de empresas ou o Biopolo da Sionlla, en Santiago, que actuará como foco de atracción para instalar novas infraestruturas e compañías vencelladas a este eido.
UN SECTOR “SÓLIDO E MADURO”
O presidente da Xunta salientou que neste campo Galicia “leva vantaxe” e que “en pouco tempo situouse nunha posición punteira”, contando cun sector sólido e maduro. Segundo lembrou, é un sector que en Galicia engloba 162 empresas -das que máis de 60 son 100% biotecnolóxicas-, 5.600 traballadores, unha facturación anual de 2.000 millóns de euros e que está a desenvolver proxectos punteiros para mellorar a seguridade agroalimentaria, avanzar na conservación do medio mariño ou dotar á industria farmacéutica e cosmética de produtos máis sostibles.


























