Consellería de Economía e Industria
A Xunta activa 2,5 millóns para fomentar a protección ambiental e a seguridade laboral no sector mineiro e nos subsectores de rocha ornamental e de augas minerais, termais e de mananciais

- O programa inclúe cinco liñas, que cobren desde investimentos para incrementar a protección do ambiente nas explotacións mineiras ata equipamentos de eficiencia enerxética en plantas de envasado de auga ou en balnearios
- As axudas, para as que xa está aberto o prazo de solicitude, poden oscilar entre os 3.000 e os 150.000 euros por beneficiario
O Diario Oficial de Galicia (DOG) do 24 de xullo publica a convocatoria de axudas da Xunta para promover a protección ambiental e a seguridade laboral entre as empresas do sector mineiro en Galicia e, tamén, no subsector das augas minerais, termais e de manancial e nas actividades de rocha ornamental, cun orzamento de 2,5 millóns de euros de fondos propios.
O programa consta de cinco liñas de axudas: para investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira; para mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde; para a redución da exposición ao po no sector da rocha ornamental; para a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética, especialmente, por parte de empresas de envasado de augas minerais e de explotación de balnearios; e para procesos de certificación.
Do crédito total consignado para estas subvencións, destinaranse 650.000 euros para as axudas da primeira liña; 900.000 euros para a liña 2; 650.000 euros para a liña 3; 292.869 euros para as axudas da liña 4 e 15.000 euros para as axudas da liña 5.
Estes apoios oscilan entre os 150.000 e os 3.000 euros. Na maior parte das liñas, a intensidade máxima cobre ata o 65 por cento do investimento total subvencionable no caso de pequenas empresas; ata o 55 por cento, para medianas empresas; e ata o 45 por cento se se trata de grandes empresas.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, polo que xa se poden pedir desde o 25 de xullo.

























