Consellería de Economía e Industria
A Xunta activa 13 das principais liñas de axuda do Igape, dotadas con máis de 180 millóns de euros

- Trátase dun dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipado -dispoñible desde comezos de ano- postos en marcha pola Administración autonómica
- Inclúe a liña de préstamos directos, que é a de maior dotación orzamentaria (62 millóns de euros) e que estará dispoñible desde o 26 de xaneiro
- As primeiras axudas que abren o prazo de solicitude, xa o 17 de xaneiro, son o novidoso programa Industria Innova (30 millóns de euros), o IA 360 (10 millóns) e o Igape Innova (4 millóns)
- A conselleira de Economía e Industria informou sobre este histórico paquete de apoio empresarial anticipado durante unha visita ás instalacións da conserveira Orbe, en Ponte Caldelas
- María Jesús Lorenzana explicou que, por segunda vez, a Xunta publica a inicios de ano a maior parte do catálogo de axudas do Igape “para que o empresariado saiba con que poderá contar e poida organizar os seus investimentos e actividades” de xeito acompasado cos apoios da Xunta
A Xunta de Galicia vén de activar, coa publicación no Diario Oficial de Galicia, 13 das principais liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) previstas para 2026, que suman máis de 180 millóns de euros e que configuran un dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipado postos en marcha pola Administración autonómica. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, deu conta da publicación destas axudas nunha visita á conserveira Orbe, en Ponte Caldelas, que definiu como “absolutamente internacionalizada”, e cunha importante aposta pola innovación e comprometida coa responsabilidade social empresarial.
No transcurso desta visita, Lorenzana explicou que é a segunda vez que a Xunta publica a inicios de ano a maior parte do catálogo de axudas do Igape “para que o empresariado saiba con que vai poder contar e poida organizar os seus investimentos e actividades de forma acompasada con estes acompañamentos”, resaltou. Segundo dixo, entre as primeiras axudas que xa abren o seu prazo de presentación de solicitudes o 17 de xaneiro figura unha das que é novidade este ano: o programa Industria Innova, dotado con 30 millóns de euros e orientado a apoiar proxectos de investigación industrial nas empresas galegas.
Desde o 17 de xaneiro tamén xa está dispoñible outra das liñas de apoio que tivo moi boa acollida o pasado ano e que se reformula, desta vez, para ampliala ao sector industrial. Trátase da liña IA 360, para incentivar o uso da intelixencia artificial nos procesos industriais e no deseño e comercialización de novos produtos ou servizos (10 M€). Ademais, na mesma data ábrese o prazo de solicitudes para outro dos programas de innovación, o Igape Innova (4 M€).
LIÑA DE PRÉSTAMOS DIRECTOS
Con respecto ao importe, a liña de préstamos directos –que quedará aberta a partir do 26 de xaneiro– é a que leva asociada máis orzamento (62 M€). De feito, o financiamento segue a ser unha peza clave da acción do Igape. Así mesmo, outra das ordes que dispón de maior orzamento é a de atracción de empresas (33,5 M€), que no seu caso abrirá o prazo de presentación de solicitudes o 28 de xaneiro.
A todas estas hai que sumar, entre outras, as axudas a startups (1,5 M€), o Tícket Innova (1 M€), e outras xa consolidadas en internacionalización, como o Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,7 M€), o Programa Foexga (2,3 M€) e o Galicia Exporta Empresas (9 M€).


























