Consellería de Economía e Industria
Lorenzana avanza que a nova convocatoria de axudas para promover o aforro enerxético nas empresas galegas terá un importe de 7,5 millóns de euros
-
A conselleira de Economía e Industria precisa que esta liña de apoios, a punto de ser publicada no DOG, permitirá aforrar 4,5 millóns na factura eléctrica do sector empresarial
-
Como novidades desta convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes amplíase de 2 a 8 meses e as axudas diríxense tanto a subvencionar instalacións novas como actuacións para obter un Certificado de Aforro Enerxético
-
Desde a posta en marcha, hai 11 anos, das axudas para fomentar a eficiencia enerxética nas empresas, aprobáronse 1.640 proxectos, por un importe conxunto de 56 millóns de euros
-
María Jesús Lorenzana anunciou a nova convocatoria de apoios durante unha visita ao Atendo Senior Living, de Vigo, centro asistencial no que a Xunta participou na rehabilitación integral do edificio
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou unha nova convocatoria de axudas por importe de 7,5 millóns de euros para promover o aforro de enerxía e que “permitirá reducir 4,5 millóns na factura eléctrica das empresas galegas e das persoas autónomas”, subliñou. Segundo avanzou na visita realizada ao Atendo Senior Living (centro residencial de innovación e aloxamento), en Vigo, a convocatoria de apoios que se publicará o 9 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se poderán solicitar a partir do venres da seguinte semana, “apoiará proxectos conxuntos que melloren a eficiencia nas edificacións”, polo que animou a todos os empresarios e autónomos que precisen calquera tipo de reforma no ámbito da eficiencia enerxética “a que presenten a súa solicitude”.
Esta convocatoria ten como novidade que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de dous a oito meses e que incorpora a posibilidade de subvencionar instalacións novas e aquelas actuacións que promovan un Certificado de Aforro Enerxético. O Goberno galego vén convocando desde hai 11 anos esta liña de axudas, cun orzamento de case 56 millóns de euros e 1.640 proxectos aprobados.
AXUDAS DO INEGA
Durante a visita ao Atendo Senior Living, a titular de Economía e Industria puxo en valor o carácter innovador e interxeneracional deste proxecto “que presta unha atención diferente aos nosos maiores cunha nova fórmula e un novo modelo de coidados”, sinalou.
Neste marco, María Jesús Lorenzana explicou que a Xunta participou na rehabilitación integral do edificio para a posta en marcha deste novo centro cunha subvención de algo máis de 105.000 euros. “Para nós é moi importante ver que as axudas do Inega están chegando aos nosos empresarios”, destacou. As axudas permitiron, entre outras actuacións, instalar unha caldeira de aerotermia, un sistema de ventilación mecánica, iluminación led, fachada con cámara e fiestras de aluminio ou ascensores hidráulicos.