Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

As Antenas do Igape chegarán este ano a Xapón e Emiratos Árabes, países que se suman a Marrocos, México, Estados Unidos e China

  • Entre todas apoiarán a internacionalización das empresas galegas nun mercado conxunto formado por máis de 2.000 millóns de potenciais consumidores

  • A rede de Antenas do Igape ofrece servizos individualizados e gratuítos a sociedades, asociacións empresariais e institucións galegas, desde o acompañamento e asesoramento inicial ata a expansión comercial en destino

  • Nunha xornada sobre o potencial de Marrocos, Covadonga Toca salientou que máis de 600 empresas galegas operan neste país, que ocupa o sétimo posto no ránking de exportacións

  • As expedicións galegas rumbo ao mercado marroquí superaron no último ano os 1.260 millóns de euros de valor, grazas á demanda de sectores como o téxtil (695 millóns), a automoción (114 millóns) e os produtos minerais (112 millóns)

Durante a inauguración da xornada “Marrocos: Economía e oportunidades de negocio en África para as empresas galegas”, celebrada con motivo da renovación dos servizos que ofrece a Antena do Igape instalada no país, Covadonga Toca precisou que a Xunta realizará este ano aperturas en Xapón e Emiratos Árabes, países que se suman ás antenas xa en plena actividade en Marrocos, México, Estados Unidos e China. “Con estas oficinas, o Igape apoia ás empresas galegas nun mercado conxunto de máis de 2.000 millóns de potenciais consumidores”, afondou a directora do Igape, que lembrou que, entre os principais servizos que presta este rede de Antenas, atópase o acompañamento e asesoramento inicial, o apoio á implantación en destino, a elaboración de axendas comerciais ou o apoio á expansión comercial en destino.

“Deste xeito, ofrécense servizos individualizados e gratuítos para as empresas, as asociacións empresariais e as institucións galegas, actuando como unha ponte que una á empresa co seu mercado de destino, permitindo a súa internacionalización de forma adecuada”, salientou Covadonga na xornada sobre o potencial económico de Marrocos para as empresas galegas.

Así mesmo, a directora do Igape aludiu tamén a outros programas e actuacións en materia de internacionalización que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, entre os que destacou os bolseiros e xestores de internacionalización, as liñas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, ou o Plan Foexga en colaboración coas Cámaras de Comercio. “E este ano sumamos tamén unha nova liña de préstamos directos para financiar a implantación das empresas galegas no exterior”, detallou.

Para rematar a súa intervención, Covadonga Toca enxalzou que o fomento da cooperación público-privada “permitiranos manter e reforzar a colaboración co tecido produtivo galego, cooperación necesaria para axudar ás empresas a superar os obstáculos que enfrontan ao exportar e expandirse a mercados internacionais”, relatou.

APOIO A 600 EMPRESAS EN MARROCOS

A Antena do Igape en Marrocos, do mesmo xeito que o resto destas oficinas, ten por obxectivo facilitar o camiño das empresas galegas en destino, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización e configurando así un mercado de potenciais consumidores na busca de novas oportunidades de negocio. Neste sentido, facilita o labor comercial das máis de 600 compañías galegas que operan neste momento nun país que se sitúa no sétimo lugar no que ao global das exportacións galegas se refire.

Así, durante o último ano, as exportacións galegas a Marrocos superaron os 1.260 millóns de euros, destacando sectores como o téxtil (695M€), a automoción (114M€), os produtos minerais (112M€), o metalmecánico (86,5M€) ou o agroalimentario (79,3M€).

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia