Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta levará ao Tribunal Constitucional o recurso do Goberno central contra a homologación da discapacidade para dependentes e a repotenciación de parques eólicos

  • Alfonso Rueda cualifica de “inxusta, contraproducente e prexudicial” a paralización dos plans galegos de repotenciación da enerxía eólica e de axilización da dependencia e da discapacidade
  • O presidente da Xunta argumenta que o Executivo central suspende o modelo galego de simplificación dos trámites da discapacidade e da dependencia, que pretende copiar a nivel estatal, feito que “só se explica por un afán recadatorio”, ao deixar de recibir 114 millóns de euros no 2025 en Galicia
  • Lembrou que “máis de 12.600 galegos con dependencia” obtiveron nos últimos doce meses o seu recoñecemento sen necesidade de someterse a unha nova valoración
  • O recurso do Goberno central contra varios preceptos da Lei de acompañamento aos Orzamentos de Galicia de 2025 tamén impide que os 16 parques eólicos susceptibles de seren repotenciados pasen de ter 572 a 112 muíños, un 80% menos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou ao remate do Consello da Xunta desta semana que o Executivo autonómico vai persoarse ante o Tribunal Constitucional para defender a posición da Comunidade galega fronte ao recurso de inconstitucionalidade do Goberno central contra diversos preceptos da Lei de acompañamento aos orzamentos de Galicia de 2025. Unha actuación que supón a paralización do Plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como do Plan de repotenciación da enerxía eólica impulsados polo Goberno galego, algo que cualificou de “inxusto, contraproducente e prexudicial”.

No que atinxe ao recurso contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade, este ten como consecuencia inmediata a suspensión do Plan de choque posto en marcha hai un ano pola Xunta de Galicia, co que se estaba a conseguir o dobre obxectivo para o que se deseñou: incrementar o número de persoas atendidas e facelo no menor tempo posible.

Alfonso Rueda lembrou que “máis de 12.600 galegos con dependencia” obtiveron nos últimos doce meses o recoñecemento da discapacidade sen necesidade de someterse a unha nova valoración. O recurso do Goberno central pon fin a este mecanismo, polo que a Administración autonómica xa non poderá seguir homologando automaticamente a discapacidade ás persoas que xa teñan a dependencia, a pesar de terse amplamente comprobado que existe unha relación directa entre o grao de dependencia e a porcentaxe de discapacidade.

O titular da Xunta asegurou que a actuación do Goberno central supón un paso atrás na axilización e mellora da atención, ao deixar sen efecto as medidas de simplificación dos procedementos introducidos pola Xunta, e volve a unha burocracia máis complexa. Engadiu que isto incide directamente nos dependentes galegos en forma de atrasos, máis atrancos burocráticos e demora na resposta.

UN RECURSO CONTRADITORIO

A Xunta considera contraditorio este recurso e argumenta que o propio Executivo central decidiu copiar case ao completo o modelo galego, como se pode comprobar na súa proposta de modificación da Lei de Dependencia, que está en fase de tramitación parlamentaria. Por iso, a Xunta apunta que son motivos de recadación os que explican esta actuación por parte do Goberno de Pedro Sánchez, pois coa simplificación dos trámites deixou de recadar 114 millóns de euros durante o ano pasado en Galicia.

O Plan de choque da Xunta amosa no seu primeiro ano de vixencia “uns resultados moi positivos”, con 86.319 expedientes de dependencia e discapacidade resoltos de maneira favorable, case o dobre que en todo 2024. Destas resolucións, un total de 12.626 foron por homologación automática. Ademais, reducíronse os tempos de espera en dous meses, mentres que aumentaron no resto de España.

A Xunta advirte do “impacto nefasto” do recurso do Goberno central na atención á dependencia e á discapacidade, e pídelle “un cambio de actitude e un maior compromiso nesta materia”. Ao respecto, lembra que o Executivo segue sen cumprir coa Lei de Dependencia e non só está moi lonxe de asumir o 50% do custo dos servizos e prestacións que esixe a norma, senón que cada ano reduce a súa achega.

Este déficit no financiamento está a carrexar unha importante débeda con Galicia, que neste 2026 chegará aos 2.900 millóns de euros. A Xunta demanda para Galicia o mesmo compromiso que o Goberno central ten con outros gobernos autonómicos como o do País Vasco, co que acordou unilateralmente financiar a partes iguais a dependencia (50%-50%), o que interpreta que na práctica supón “xerar dependentes de primeira e dependentes de segunda”.

CONSECUENCIAS NO SECTOR EÓLICO

Con respecto á repotenciación de parques eólicos, recollida tamén na Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2025 e recorrida polo Goberno, Rueda explicou que a medida que introduciu a Xunta, e que agora se paraliza, supoñía a obrigatoriedade de reducir o número de aeroxeradores e substituílos por outros máis modernos e potentes, no caso dos parques de máis de 25 anos.

En Galicia hai 16 parques eólicos nesta situación, que aínda non comezaron a repotenciación de xeito voluntario. En consecuencia, a suspensión desta medida abortará, de momento, que estes 16 parques “pasen de ter 572 a 112 muíños (un 80% menos)”; e que eleven a súa potencia instalada de 1.104 a 1.524 megavatios (un 38% máis).

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia