Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A AXENDA DE STARTUPS DE GALICIA DESTINA 14,7 MILLÓNS A PROMOVER O CRECEMENTO DESTAS EMPRESAS EMERXENTES E A FOMENTAR A CAPTACIÓN DE INVESTIMENTOS E DE NOVOS SOCIOS

— Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, defendeu nunha xornada conxunta da APD e Unirisco que é rendible investir en ciencia tanto polos impactos e beneficios que xera como polos retornos en “coñecemento, talento, competitividade e progreso social e económico”

— Avanzou que o Goberno galego está a tramitar un decreto para garantir a estabilidade laboral de máis de 500 investigadores e técnicos de investigación de centros públicos

— Ademais da Axenda de Startups, Galicia conta coa Axenda Financeira para 2023, que reserva 140 millóns de euros e contempla apoios específicos para o investimento en innovación

— A través das empresas biotech e dos centros de coñecemento, a Comunidade galega está xerando produtos e servizos innovadores que contribúen a captar e reter talento

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na xornada Investir en ciencia si é rendible, organizada por APD e Unirisco, e na que explicou que a Xunta de Galicia impulsa a Axenda de startups co obxectivo de promover o seu crecemento e fomentar a captación de investimentos e novos socios.

Así, no eido do financiamento do emprendemento innovador, Galicia conta con este instrumento -cun orzamento de 14,7M€-, ademais da Axenda Financeira para 2023 na que se reservan 140M€ e que contempla apoios específicos para investimento en innovación. Así, a través de XesGalicia, destínanse por exemplo 10M€ a este ámbito a través dos fondos Galicia InnovaTech e Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Francisco Conde defendeu que é rendible investir en ciencia tanto polo impacto na saúde e benestar, no medio ambiente, na medicina e na industria; como polo retorno que xera en termos de “coñecemento, talento, competitividade e progreso social e económico”.

DECRETO CON MÁIS DE 500 BENEFICIARIOS

Explicou que Galicia está investindo en ciencia, poñendo en marcha infraestruturas como o Polo biotecnolóxico da Sionlla ou o primeiro centro en Galicia para o desenvolvemento de terapias avanzadas contra o cancro; apoiando o emprendemento innovador a través das business factory (BioIncubaTech, BFAuto, BFFood ou BFMedicines); con iniciativas que contribuirán ao desenvolvemento das capacidades empresariais como os Hubs de Innovación Dixital. Pero tamén o fai a través dun decreto para que a carreira investigadora se poida desenvolver en Galicia coas mellores condicións laborais, garantindo a súa estabilización, e do que se poderían beneficiar máis de 500 profesionais entre investigadores e técnicos de investigación.

O vicepresidente económico destacou que Galicia, a través das empresas biotech e os centros de coñecemento, está xerando produtos e servizos innovadores que contribúen a captar e reter talento. É o caso de compañías apoiadas pola Xunta como Celtarys, Libera Bio ou BFlow; ou empresas tractoras que apostan pola Comunidade como Janssen y Lilly, Lonza ou Indukern. Neste sentido incidiu na necesidade de que a ciencia sexa respaldada con apoio tanto público como privado.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia