PATROCINADOR DE LA SEMANA

 

Busca en nuestra página

— O programa, impulsado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, e dotado con 2,3 millóns de euros, promoverá 500 participacións de pemes en 2023

— As actuacións de promoción do tecido empresarial galego consisten en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos

— Nesta convocatoria haberá máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial, entre os que están China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos e Canadá

— Está prevista a participación en citas tan estratéxicas como a feira Fancy Food (Estados Unidos) no sector agroalimentario, Nor-Shipping 2023 (Noruega) no naval, Marmomac (Italia) na industria da pedra natural ou Expo Biojapan 2023 (Xapón) e a Bio International Convention (Estados Unidos) na biotecnoloxía

— O Plan está formado por unha liña dirixida a pemes, ás que se destina o 80% do orzamento, e por outra para grandes empresas (co 20% do investimento) co obxectivo de que actúen como tractoras no fomento da internacionalización

— Os apoios alcanzan o 90% na liña específica para pemes e ata o 70% na das grandes empresas

— Fernando Guldrís, director do Igape, detallou na presentación da nova convocatoria do Plan que “desde o ano 2014 levamos destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes” e con actuacións en 70 países diferentes

— As misións comerciais enmárcanse na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia sume un novo récord histórico en vendas ao exterior: case 30.000 millóns no exercicio de 2022, cun 18,3% de incremento na comparativa co ano anterior

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, acompañado dos representantes das cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, da Coruña e de Santiago, presentou a nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que destina 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.

O programa, que desenvolve a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras galegas, contempla dúas liñas, unha centrada nas pequenas e medianas empresas e que suma máis do 80% do orzamento, e outra habilitada para as grandes empresas, co obxectivo de que estas acheguen ás misións a súa experiencia e volume como efecto tractor.

Neste sentido, detallou Guldrís, aspírase a chegar a 500 participacións de pemes -cada empresa participa en máis dunha actuación- nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores. “Este ano, por citar algúns exemplos, temos, entre outras, a participación do sector agroalimentario na feira Fancy Food nos Estados Unidos; a visita do sector naval á feira Nor-Shipping en Noruega; a asistencia do sector da biotecnoloxia á Bio International Convention en Estados Unidos e á Expo BioJapan 2023, ou a participación do sector da pedra natural na feira Marmomac en Italia”, afondou.

O director do Igape salientou que todas as actuacións están dirixidas a aumentar a base de empresas exportadoras, a fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e a conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica, das exportacións galegas.

O programa prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial, entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

MISIÓNS DIRECTAS E EVENTOS

As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90% no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que pode acadar ata o 70% para as grandes empresas.

“Desde o ano 2014 levamos destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes”, destacou Guldrís.

CONTRIBUCIÓN AO RÉCORD DE EXPORTACIÓNS O director do Igape detallou que o Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr o seu récord histórico en exportacións: case 30.000 millóns ao peche de 2022, en concreto 29.886 millóns, o que supón un 18,3% máis que no anterior exercicio. Unha cifra, lembrou, que permite a Galicia contar cun saldo favorable de 2.800 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas ao longo do último ano, mentres que en España o saldo segue a ser deficitario.

“E todo isto sen esquecer a resiliencia das empresas exportadoras galegas: en 2022, un total de 8.496 compañías realizaron vendas no exterior; e o que é máis importante, as empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos 4 anos-, acadaron as 2.653, récord histórico tamén que supón un incremento anual do 3,5%”, concluíu Fernando Guldrís.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CEG - Confederación de empresarios de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid