Últimas Noticias

Consellería de Economía, Industria e Innovación

O COMPUTADOR CUÁNTICO MÁIS POTENTE DE ESPAÑA E UN DOS PRIMEIROS DE EUROPA ENTRARÁ EN FUNCIONAMENTO XA ESTE ANO NO CENTRO DE SUPERCOMPUTACIÓN DE GALICIA

— Está financiado pola Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, cun investimento de 13,9 millóns de euros

— Da continuidade ao esforzo inversor do supercomputador Finisterrae III, ao que se destinaron 7,5 millóns de euros, e estará aberto á investigación e á innovación de todos os sectores económicos e empresariais

— Convértese na principal infraestrutura do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que xa están en execución investimentos por máis de 30 millóns de euros que propiciaron máis dunha trintena de empregos de alta cualificación, e no que está previsto inxectar 150 millóns nos vindeiros anos

— O Goberno galego reforza así a súa aposta pola transición dixital do sistema produtivo e por contar coas mellores infraestruturas de investigación

— Ademais do computador cuántico de 32 cúbits baseado en tecnoloxía de superconductores, o contrato con Fujitsu inclúe a creación en Galicia do Centro Internacional de Excelencia en Tecnoloxías Cuánticas

— A multinacional tamén aportará diferentes infraestruturas complementarias e desenvolverá un plan que abarca desde a colaboración e formación para universidades e empresas ata un programa de I+D en computación cuántica, bolsas formativas, consultoría e un evento internacional e anual

— As tecnoloxías cuánticas darán pulo ao desenvolvemento económico na gran maioría dos sectores, con aplicación e avances en medicina, medio ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas, entre outras ramas

— Co novo computador cuántico e co Polo de Tecnoloxías Cuánticas, o ecosistema galego de I+D+i queda posicionado na vangarda desta tecnoloxía, capaz de captar e reter talento, de atraer proxectos avanzados, de lograr financiamento e de abrir novos nichos de mercado

— Permitirá aumentar a seguridade na transmisión de datos, planificar mellores rutas ou programar a produción, e favorecer a eficiencia enerxética

— Como vantaxe competitiva engadida para Galicia, a nova infraestrutura será un sólido piar para a creación dunha comunidade investigadora arredor da computación cuántica

Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) contrata a Fujitsu por 13,9 millóns de euros un dos primeiros computadores cuánticos de Europa, que será o máis potente de España e que constituirá a principal infraestrutura do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo de colocar a Galicia á vangarda neste eido, apoiar o ecosistema innovador e atraer talento investigador.

A Xunta financia este investimento a través da Axencia Galega de Innovación dentro da súa aposta pola transición dixital do sistema produtivo e por contar coas mellores infraestruturas de investigación. O computador, que estará aberto á investigación e á innovación de todos os sectores académicos e empresariais, complementa o investimento do supercomputador Finisterrae III, ao que se destinaron 7,5 millóns.

A adquisición do computador cuántico enmárcase dentro do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que xa están en execución investimentos por máis de 30 millóns de euros que xeraron máis dunha trintena de empregos, e co que se prevé un investimento total de 150 millóns de euros nos próximos anos.

A licitación, con fondos do programa React UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, foi aberta en xullo de 2022. A oferta presentada por Fujitsu inclúe, ademais do computador cuántico de 32 cúbits baseado en tecnoloxía de supercondutores, diferentes infraestruturas complementarias, e un plan de colaboración que facilitará o impulso do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia por medio da creación do Centro Internacional de Excelencia en Tecnoloxías Cuánticas en Galicia.

Así, Fujitsu colaborará coas universidades galegas na formación e retención de talento; desenvolverá plans de formación específicos para universidades e empresas; e elaborará proxectos de I+D conxuntamente con outras entidades galegas. A compañía activará ademais un programa de I+D en computación cuántica; impulsará bolsas formativas e desenvolverá casos de uso con empresas. Tamén se levará a cabo un proxecto de consultoría para identificar as industrias que máis se poden beneficiar desta tecnoloxía. Fujitsu organizará así mesmo anualmente un evento internacional sobre tecnoloxías cuánticas en Galicia, e creará un mínimo de cinco novos postos de traballo directos.

AVANCES EN TODOS OS SECTORES

As tecnoloxías cuánticas actuarán como o elemento tecnolóxico disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores ao dar lugar a innumerables aplicacións e avances en medicina, medio ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas, entre outros. Estes avances, que terán un grande impacto na sociedade, están relacionados coa potencial capacidade e velocidade de procesamento dos ordenadores cuánticos, capaces de resolver problemas computacionais en moi pouco tempo en relación cos superordenadores clásicos.

Así, estas tecnoloxías emerxentes permitirán mellorar a seguridade na transmisión de datos; axudar a entender a estrutura e o comportamento de moléculas e materiais; resolver problemas de optimización como planificar mellores rutas, programar a produción e a asignación de recursos dunha fábrica; ou planificar a produción para a mellora da eficiencia enerxética, entre outros.

O novo computador cuántico, no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, permitirá posicionar ao ecosistema galego de I+D+i na vangarda dunha tecnoloxía innovadora e de gran futuro, captar e reter talento, atraer proxectos de I+D avanzados cara a Galicia, captar máis financiamento nacional e internacional e crear novos nichos de mercado no ecosistema empresarial galego. Esta infraestrutura ten potencial para crear unha comunidade investigadora arredor da computación cuántica que faga posible liderar avances nestas tecnoloxías, e ter unha vantaxe competitiva no futuro.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia